A asociación O Picato, de Trabada, organiza o XX Certame das Letras Galegas e un evento para o 17 de maio

A asociación cultural O Picato, de Trabada, organiza para o día 17 de maio, sábado, actividades con motivo do Día das Letras Galegas. Trátase dun espectáculo de contacontos, a cargo de Ángeles Goas e titulado Contos de igualdade para non perder, e dun obradoiro de imáns. Será desde as 17:30 horas na Casa da Cultura de Trabada. Nese acto tamén se entregarán os agasallos a todas as persoas que participen no XX Certame das Letras Galegas que organiza este colectivo cultural.

“Este certame será de carácter participativo e non competitivo e todas aquelas persoas que participen levarán un agasallo. Dirixido a persoas dende os 0-99 anos. Os traballos realizados terán como temática As Nosas Letras, en forma de debuxo, narración, poema ou fotografía. Só se poderá presentar un traballo por persoa, o cal irá asinado con nome, apelidos e idade ó final. Os traballos serán de extensión máxima unha cara en folla A4. Lugar e prazo de entrega: antes das 13 horas do día 9 de maio, en sobre pechado, no Spar Express, en Trabada ou na Casa do Concello. Os traballos serán expostos no propio Centro Cultural, así coma nas redes sociais”, explica a asociación O Picato.