O programa de actividades das Letras Galegas do Concello de Viveiro inclúe actividades os días 10, 16, 17 e 23 de maio

O Concello de Viveiro vén de presentar o programa de actividades das Letras Galegas. Baixo o lema As cantareiras e a poesía popular, inclúen iniciativas de teatro, música e lectura. Serán os días 10, 16, 17 e 23 deste mes.

A primeira delas, a representación da obra Fala fala falangueira, terá lugar este sábado, ás seis da tarde, no Teatro Pastor Díaz. A entrada é de balde ata completar o aforo. Fala fala falangueira será representada por Matrioska Teatro. Será dirixida por Gena Baamonde e contará coa interpretación de Chelo do Rejo e Anabell Gago, dúas das fundadoras da compañía.

O venres 16 terá lugar Das pandeireteiras de Mens ás Tanxugueiras. Ler conta moito na Biblioteca Municipal. Será ás seis da tarde, dirixida a público familiar, e a entrada será de balde ata completar o aforo. Os interesados poden reservar a súa localidade no número de teléfono 982 570 606.

O sábado 17, Día das Letras Galegas, David Bellas, artista e profesor do CMUS de Viveiro, interpretará o himno de Galicia no balcón da Biblioteca Municipal.  Despois actuarán os grupos infantil e xuvenil de Bágoas na Terra, o coro infantil do Colexio Lois Tobio de Viveiro e a coral polifónica Alborada de Viveiro. No caso de que chova, o acto trasladarase ao Teatro Pastor Díaz.

Por último, o sábado 23, a Biblioteca Municipal será escenario da actividade Bibliocanta. Eduvías. Ler conta moito ás seis da tarde. A entrada será de balde ata completar o aforo e os interesados poden reservar a súa localidade no número de teléfono 982.570.606.