Burela celebra o Día das Letras Galegas con actividades do 15 ao 17 de maio

O Concello de Burela prepara unha programación cultural especial con motivo do Día das Letras Galegas, que se celebrará entre o xoves 15 e o sábado 17 de maio. As actividades abranguen encontros dirixidos á mocidade, unha presentación literaria, unha proxección audiovisual, teatro infantil e unha nova edición do Encontro de Palilleiras.

“O noso obxectivo foi deseñar unha programación diversa, que mestura tradición e creatividade e que conecta co público de todas as idades. Dende a mocidade ata as persoas maiores, todas teñen espazo nesta fin de semana pensada para poñer en valor a nosa lingua e a nosa cultura”, sinalou a concelleira de Cultura, Lina Gómez.

Para comezar, o xoves 15 de maio ás 17:30 horas a Casa da Xuventude acollerá unha sesión do Grupo de Participación Adolescente (GPA), na que os mozos e mozas participantes abordarán a conmemoración das Letras Galegas, afondando na figura das cantareiras e na súa importancia na preservación da poesía e a música popular galega.

O venres 16 de maio ás 12:00 horas na Moncloa celebrarase a presentación do libro Beixos gallados, de Paco Rivas, filólogo e escritor natural de Cervo cunha ampla traxectoria na creación poética, narrativa e traballos lexicográficos sobre o galego e a cultura mariñeira. A concelleira Lina Gómez confirmou a súa presenza no acto: “é un orgullo poder acompañar a Paco Rivas nesta presentación, que representa tamén unha homenaxe ao noso patrimonio lingüístico e mariñeiro”.

Ese mesmo día, ás 20:00 horas na Casa da Cultura, proxectarase o documental Lévame a idea, de Navíos e folerpas, centrado na contribución das mulleres á música de tradición oral en Galicia. O filme analiza tamén a presenza do machismo na cultura popular e recolle o recoñecemento da Real Academia Galega a diversas tocadoras homenaxeadas en 2025: Eva Castiñeira, Adolfina e Rosa Casás, Prudencia e Asunción Garrido, e Manuela Luma.

Xa o sábado 17 de maio terá lugar no porto de Burela o XV Encontro de Palilleiras, organizado pola asociación As Encaixeiras en colaboración co Concello. O evento desenvolverase en horario de mañá (de 10:30 a 14:00 horas) e tarde (de 16:00 a 19:00), con demostracións de encaixe, sorteos, actividades infantís como globoflexia e pintacaras, visitas culturais, degustacións gastronómicas e un obradoiro a cargo da artesá Marisa Hermida, con prazas limitadas.

Tamén o sábado, ás 18:00 horas na Casa da Cultura, representarase o espectáculo infantil Os contos do Lobicán, unha obra de monicreques en verso dirixida a nenos e nenas de 3 a 8 anos. A historia, protagonizada por Lobicán, un animaliño curioso, e unha nena chamada Xiana, ofrece unha reinterpretación dos contos clásicos e promove valores como a amizade, a cooperación e o respecto pola natureza. A entrada terá un custo de 3 euros e poderá adquirirse desde media hora antes do inicio da función.

Ademais ao longo da semana tamén se instalarán novos buzóns de intercambio de lectura, como o que xa existe no Parque Rosalía. Estarán situados no Parque do Hospital e nas praias Urbana e Marosa, como unha forma máis de fomentar o hábito lector e o acceso libre á cultura.

“Convidamos a toda a veciñanza e visitantes a participar destas actividades, a celebrar con nós o orgullo de ser galegas e galegos e a seguir facendo da cultura en galego algo vivo e compartido”, concluíu a concelleira de Cultura.