
A oitava edición da Romaxe Viquinga do Vicedo celebrarase o 26 de xullo, sábado, e foi presentada este mércores. O evento contará con espectáculos históricos, combates, música e actividades para todos os públicos.
No acto, que se desenvolveu na Casa da Cultura do municipio mariñán, o deputado provincial de Recursos Sostibles, Francisco Cajoto Caserío, sinalou que a Deputación de Lugo “achega máis de 20.000 euros para esta festa que recrea na praia de Area Grande o desembarco normando e a loita contra as tropas do rei Ramiro I na praia de Area Grande. A Romaxe Viquinga do Vicedo é unha homenaxe á nosa historia e á nosa identidade costeira, á nosa relación ancestral co mar, coas invasións, cos encontros e desencontros culturais que nos foron conformando como pobo. Un evento que conxuga memoria e creatividade, tradición e futuro”.
A Xunta de Galicia colabora co Concello do Vicedo neste evento e o delegado territorial de Lugo, Javier Arias, participou na presentación do cartel e das camisetas conmemorativas da presente edición, que tivo lugar na Casa da Cultura da localidade. Arias subliñou a “rápida consolidación desta cita de recreación histórica, que alcanza a súa oitava edición constituída nun dos principais reclamos turísticos da Mariña”. Ao respecto, destacou “o empuxe do Concello” e lembrou que “contou co apoio do Goberno galego desde o primeiro momento”.
Na presentación estiveron tamén o alcalde do Vicedo, Jesús Novo; o debuxante Cristian F. Carucho, responsable do deseño do cartel; e membros da compañía Queiman e Pousa, que levan anos colaborando coa parte artística do evento, entre outros.