Burela reforza a súa oferta turística para este verán cunha programación centrada na cultura mariñeira e nos recursos naturais

O Concello de Burela reforza a súa oferta turística para este verán cunha programación centrada na cultura mariñeira e nos recursos naturais do municipio. As rutas turísticas, xa activas, ofrecen diferentes opcións para coñecer o territorio desde perspectivas diversas, sempre co mar como fío condutor e sinal de identidade.

Entre as propostas destacan as rutas xa consolidadas, como a Xeolóxica, que permite descubrir a riqueza xeolóxica da contorna; a Mariñeira, centrada na historia e nas tradicións vencelladas ao mar; e a do Peixe, que inclúe a visita á lonxa e a posibilidade de presenciar en directo a poxa e venda do pescado, explica o concelleiro de Turismo, Ramiro Fernández, que a destaca como “un elemento diferencial con respecto ao resto de experiencias”.

O Concello de Burela engade que “como novidade este ano incorpórase unha ruta de observación ornitolóxica, aproveitando o paso migratorio de distintas especies de aves por Burela. Trátase dunha oportunidade singular e que está a espertar gran interese entre o público, con numerosas solicitudes xa rexistradas”, explicou o edil de Turismo.

Ademais continúa a promoción do Barco Museo Reina do Carmen, “un dos recursos turísticos máis singulares da Mariña, que ofrece unha visión directa da vida mariñeira e da tradición pesqueira local”.

“Aproveitar para agradecer, unha vez máis, a todos os colectivos que colaboran con nós, neste caso tanto a Moncloa como Absa, na potenciación turística de Burela. Entre todos, facendo equipo, vamos a máis, só hai que ver os datos que casa vez van a mellor”, concluíu o concelleiro de Turismo.