Burela recibe o 20 de agosto ao Cuarteto Casals no XII Festival Bal y Gay

O Cuarteto Casals actuará o vindeiro 20 de agosto ás 20:30 horas no Auditorio Casa da Cultura de Burela dentro da programación do XII Festival Bal y Gay.  

Esta agrupación está formada por Vera Martínez-Mehner e Abel Tomás co violín, Cristina Cordero á viola e Arnau Tomàs co violonchelo. Fundada en 1997 na Escola Superior de Música Reina Sofía, realizou actuacións en escenarios como o Carnegie Hall de Nova York, o Musikverein de Viena, a Philharmonie de Berlín e o Concertgebouw de Ámsterdam. 

Conta ademais cunha ampla discografía, principalmente no selo Harmonia Mundi, e foi galardoada con distincións como o Premio Nacional de Música e o Borletti-Buitoni Trust Award. 

Neste concerto interpretarán pezas clásicas como o Cuarteto de corda en re maior, Hob. III:79” de Haydn, o Cuarteto de corda “Terra acesa” de Elisenda Fábregas e o Cuarteto de corda nº 13 en si bemol maior, Op. 130 coa Gran Fuga, Op. 133 de Beethoven.  

O Festival Bal y Gay, que se celebra cada verán na Mariña, converteuse, segundo a concelleira de Cultura de Burela, Lina Gómez, “nunha das citas máis destacada no panorama galego da música clásica, reunindo intérpretes e agrupacións de recoñecemento nacional e internacional e ofrecendo concertos en diferentes espazos de varios concellos da comarca, como prazas, auditorios, pazos e igrexas históricas”. 

Nesta edición participan artistas como a soprano Nuria Rial, a Real Filharmonía de Galicia, o Cuarteto Quiroga ou o Ensemble Los Elementos, entre outros. Ademais, o festival mantén un compromiso activo coa formación e a difusión cultural a través de proxectos como Mariña Encanto, que involucra a escolares nun coro infanto-xuvenil, ou A Operiña, que achega a ópera ao alumnado de primaria. 

Lina Gómez finalizou indicando que “a actuación do Cuarteto Casals no marco do Festival Bal y Gay en Burela ofrece a posibilidade de escoitar unha formación de prestixio internacional, contribuíndo a ampliar a oferta cultural no noso municipio”. 

As entradas estarán dispoñibles no Auditorio Casa da Cultura media hora antes do concerto ou a través da web festivalbalygay.com.