
“Escrita cunha prosa poderosa, de diálogos incisivos, As donas da noite é unha proposta que agradará a aquel lectorado que desexe contemplar o noso rural cunha outra ollada”, así describiu o xurado do X Concurso Balbino de Relatos a obra As donas da noite, da autoría de Lionel Rexes, residente no concello do Alfoz do Castrodouro, texto co que resultou gañador desta décima edición.
O veredicto, que premiou a novela por unanimidade, emitiuno un xurado composto por reputados profesionais do sector, entre os que se atopaban Carlos Loureiro (profesor e escritor), Fernando González Graña (escritor e dramaturgo), Rosalía Morlán (escritora e poeta) e Armando Requeixo (profesor e crítico literario).
O xurado quixo destacar tamén nesta obra “a súa inmersión nun rural galego poliédrico no que convive o herdo espiritual de séculos coas novas realidades sociais, laborais e relacionais”.
Así mesmo puxo en valor “a súa a visión dunha aldea complexa, multifacetada e arredada do bucolismo idílico doutrora, que nestas páxinas é substituído por poderosas personaxes que nos enfrontan coas problemáticas de supervivencia do noso agro, os movementos asociativos de base e a convivencia entre tradición e modernidade”.
Os membros do xurado tamén quixeron destacar a calidade da vintena longa de orixinais presentados entre os que se incluían tanto novelas como relatos dirixidos igual a público xuvenil como adulto.
O texto gañador deste certame literario recibirá 1.500 euros en concepto de premio e será publicado por Edicións Fervenza.
Durante os próximos meses traballarase na edición do texto, que se presentará nun acto no que tamén se fará entrega do premio á persoa gañadora durante os meses de novembro-decembro.
Baixo o nome de Balbino, protagonista da obra máis internacional da literatura galega Memorias dun neno labrego, do célebre escritor Xosé Neira Vilas, este concurso xurdiu no ano 2016 co fin de promocionar a literatura, a lingua e aos/ás escritores/as da Galiza. De periodicidade anual, os requisitos que deben cumprir os orixinais presentados son: ter unha extensión de entre 100.000 e 200.000 caracteres, presentar como temática o rural, o mar ou a emigración e estaren escritos en lingua galega.
O Concurso Balbino de Relatos conta coa colaboración da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a través da Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia, o departamento de Cultura e Lingua da Deputación de Pontevedra, a Deputación de Ourense, a Fundación Xosé Neira Vilas e os concellos de Boqueixón, Silleda e Vila de Cruces.
Lionel Rexes iníciase no relato curto e dá o salto á novela co Premio Manuel Lueiro Rey, do Concello do Grove, por A raíña das velutinas en 2017, premio que volve obter en 2021 por A montaña do poeta.
Pouco despois gaña o Premio Xosé Neira Vilas de Novela Curta pola obra Nove lúas, publicada en 2024, ano en que tamén queda finalista no Premio Irmáns Vilar Ponte, do Concello de Viveiro, por O terceiro desexo.
Fará tamén unha incursión na escrita dramática gañando o premio de teatro infantil O Facho, en 2023, por Están chovendo flores.
Algunhas das súas obras foron cualificadas pola crítica como thrillers telúricos, textos que ofrecen unha visión alternativa do rural e sempre afastada de enfoques bucólicos ou tópicos, aínda que sen esquecer a tradición oral da que o autor é entusiasta estudoso e divulgador.
As donas da noite (Premio Balbino 2025) afonda no estupor dun grupo de mozos sumido, accidentalmente, nunha realidade aldeá onde a superstición verniza todo aquilo que non se manifesta explicitamente.
 
        

