
Os Colexios Vellos de San Miguel de Reinante, en Barreiros, acollerán este sábado, día 20 de setembro, ás 19:30 horas un novo concerto do ciclo Cantos de raíz. Da raíz do canto, promovido pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo. O grupo coral feminino Cantar Delas, con preto dunha trintena de integrantes, interpretará un repertorio que repasa a historia da música popular galega, desde as pezas transmitidas a través da oralidade ata os temas creados sobre os versos das voces poéticas máis senlleiras da nosa literatura a partir de fórmulas da poesía oral.
A Vicepresidencia da Deputación anuncia que “a formación lucense destacará nese percorrido histórico a contribución das mulleres á creación, conservación e renovación da música popular, sumándose á homenaxe colectiva que propuxo este ano a Real Academia Galega ao dedicar as Letras Galegas á poesía popular oral e ás cantareiras. En liña con este propósito de visibilizar a raíz feminina da nosa tradición musical, o concerto contará tamén coa participación das pandereteiras da Agrupación Folclórica O Arco da Vella de San Miguel de Reinante, entidade que conta máis de 40 anos de traballo a prol da música tradicional.
O deputado Daniel García convidou a asistir ao concerto, que “ademais dunha coidada selección musical, ten tamén unha vontade divulgativa e que nos ofrece a oportunidade de afondar nas fórmulas de transmisión da música e coñecer as creadoras e intérpretes que desde o anonimato ou a autoría coñecida contribuíron a crear ese patrimonio común”.
A alcaldesa de Barreiros, Ana Ermida, lembrou que “o concerto súmase á axenda de actividades culturais e musicais que programamos ao longo do ano no concello para que as veciñas e veciños de Barreiros participen da celebración da nosa música e da nosa identidade neste ano elixido pola Real Academia Galega para homenaxear as cantareiras”.
O concerto será ás 19.30 horas, con entrada libre e gratuíta.