
Do 17 ao 19 de outubro terá lugar a XXII Mostra de Teatro Afeccionado Daniel Cortezón, que foi presentada pola concelleira de Cultura, Begoña Sanjurjo. A cita terá lugar no Teatro ás 20 horas todos os días.
A edil ribadense explicou que “esta mostra, que leva o nome de Daniel Cortezón, continúa sendo unha homenaxe viva á súa memoria e ao seu legado cultural. É xa unha cita consolidada no calendario cultural de Ribadeo, un espazo no que o teatro afeccionado galego pode compartir o seu traballo e o seu entusiasmo co público. Durante tres días teremos a oportunidade de gozar de diferentes propostas escénicas que nos farán rir, pensar e, sobre todo, valorar o talento das compañías da nosa contorna”.
Begoña Sanjurjo relatou que “o programa deste ano inclúe as seguintes representacións: o venres, 17 de outubro, Historia dun fidalgo, a cargo do Grupo de Teatro A Mariña (Cervo); o sábado, día 18, A herencia de Xoana, do Grupo de Teatro Abrente (As Nogais); e o domingo, día 19, A presa, do Grupo Humorístico Trípode (Alfoz)”.
A concelleira de Cultura anunciou que “todas as funcións terán lugar ás 20:00 horas no Teatro de Ribadeo. O prezo da entrada é de 3 euros”. E animou á veciñanza de Ribadeo e da comarca a asistir a esta mostra: “o teatro é unha das expresións culturais máis vivas e máis necesarias. Queremos que Ribadeo siga sendo un lugar de encontro para a creación e para o gozo colectivo das artes escénicas. Vémonos no Cine Teatro”.
A XXII Mostra de Teatro Afeccionado Daniel Cortezón está organizada polo Concello de Ribadeo, a través da súa Área de Cultura.