
O vindeiro mércores, 22 de outubro, Bilbao acollerá a presentación oficial da Mariña como destino turístico, un evento dirixido aos axentes do sector no que tamén estarán presentes representantes institucionais da cidade vasca. Con esta iniciativa a Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense da un paso máis na promoción do destino dentro do mercado nacional, creando lazos de colaboración con territorios próximos.
O evento iniciarase cun acto simbólico no que a presidenta da Mancomunidade, Rocío López, e a concelleira da Área de Desarrollo Económico, Comercio, Turismo y Empleo de Bilbao, Kontxi Claver, intercambiarán uns detalles tradicionais propios de cada territorio. Trátase dun xesto co que fortalecer os lazos de unión e amizade entre ambos destinos, así como dunha colaboración de futuro beneficiosa para A Mariña e Bilbao. No evento tamén participarán a vicepresidenta da Mancomunidade, Ana Ermida, e a directora de Turismo y Eventos Bilbao, Mercedes Rodríguez Larrauri.
A continuación terá lugar a presentación oficial do destino A Mariña para os axentes turísticos convidados ao evento, que incluirá a proxección dos audiovisuais A Mariña, Toma tu tiempo e A Mariña, Latexa contigo. Deste xeito, o sector das axencias de viaxes e touroperadores deste territorio vasco poderán coñecer de primeira man a oferta da Mariña, asentando as bases para futuras colaboración a prol da creación de produtos e paquetes turísticos.
A gastronomía será un dos puntos clave do evento, que contará coa presenza do Colectivo de Gastronomía da Mariña, que servirá aos asistentes unha degustación de produtos locais elaborados por cociñeiros e cociñeiras que viaxarán ata Bilbao. Será unha oportunidade única para levar os sabores deste territorio ata a cidade vasca, compartindo a orixe e a calidade duns produtos únicos preparados pola man de recoñecidos cociñeiros.
O evento está promovido pola Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense no contexto do Plan de Sostibilidade Turística na Mariña Lucense cofinanciado pola Secretaría de Estado de Turismo, a Axencia de Turismo de Galicia e a propia Mancomunidade de Concellos de A Mariña Lucense.