
Barreiros acollerá este domingo, día 9 de novembro, a VII edición da Carreira Popular Ao Son do Masma, organizada polo Colectivo Cultural Ollomao, que se celebrará en Celeiro de Mariñaos e coa que se porá o broche final ao circuíto de carreiras populares +KmsBarreiros 2025.
A xornada deportiva contará tamén cunha andaina e con carreiras para categorías de menores, todas elas xirando na contorna do río Masma no seu hábitat. A andaina dará comezo ás 10:30 horas, as probas de menores ás 11:00 horas e a carreira absoluta ás 12:00 horas.
O prazo de inscrición para participar nas distintas probas permanece aberto ata este xoves, 6 de novembro, a través da web www.maiskmsbarreiros.gal, onde tamén se pode consultar toda a información relativa ao evento e ao circuíto.
A alcaldesa, Ana Ermida, e o concelleiro de deportes, Dani García, destacaron a importancia deste circuíto impulsado polo Concello de Barreiros e que reparte 1.000 euros en premios xa que “conseguiu consolidarse como un referente deportivo na Mariña, combinando deporte, natureza e participación social”.
O circuíto +KmsBarreiros, composto por seis probas disputadas ao longo do ano, “chega á súa última cita coas clasificacións moi axustadas nas categorías absolutas, o que promete unha proba final emocionante”. Na categoría absoluta feminina, encabeza a clasificación Miriam Folgueira (976 puntos), seguida de Romina Reimondo (886 puntos) e Lucía López (834 puntos). Na categoría absoluta masculina, lidera David Manuel Martínez (974 puntos), seguido de Óscar Murado (882 puntos) e Manuel Pérez (867 puntos). A falta de disputar os 250 puntos que outorga esta última proba, todo está aberto para coñecer en Celeiro de Mariñaos ás persoas gañadoras absolutas do circuíto, así como ás vencedoras e vencedores das diferentes categorías.
O Concello de Barreiros agradece o traballo do Colectivo Cultural Ollomao e das asociacións organizadoras das demais probas, Praias de Comado e Augas Santas, así como o apoio da agrupación de voluntarios de Protección Civil de Barreiros e do tecido empresarial local e patrocinadores, que “fan posible que o deporte siga sendo un elemento de cohesión e dinamización social no municipio”.


