
O Concello de Barreiros proxectará o domingo 16 de novembro a película titulada Prefiro condenarme, da cineasta galega Margarita Ledo Andión, dentro da programación municipal dedicada á loita contra a violencia machista.
O filme enmarcase no VIII Ciclo de Cine e Mulleres Rurais que organiza o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e consta dunha selección de quince longametraxes e curtametraxes que abordan a vida das mulleres rurais desde diversos ángulos de visión.
A proxección terá lugar ás 18:00 horas no Centro Sociocultural de San Cosme. A película, estreada o pasado ano nas xornadas previas ao Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres, é “un documental dramático que relata a historia real de Sagrario Ribela Fra, mariscadora da ría de Ferrol e interpretada por si mesma, que tivo que facer fronte a un xuízo por adulterio durante a ditadura franquista, a maiores da violencia e crueldade sufrida durante anos polo que era o seu marido”, explica o Concello de Barreiros.
A concelleira de Igualdade, Montse Porteiro, sinalou: “con esta proxección, desde o Concello de Barreiros, queremos aportar o noso gran de area na visibilización da loita das mulleres galegas de clase traballadora pola liberdade e pola igualdade, ao tempo que manifestamos o total rexeitamento ás violencias contra as mulleres que sigue a exercer o patriarcado”.
O Concello de Barreiros tamén anuncia que “coincidindo co día internacional das bibliotecas, o pasado 24 de outubro foi inaugurado na biblioteca pública de Barreiros un punto lila coa doazón de libros sobre feminismo e loita contra as violencias machistas financiada con fondos do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero. Con esta iniciativa preténdese sensibilizar a través da lectura e sementar o xerme que promova un cambio neste senso. Tamén no mes de outubro foi inaugurada no centro social de San Xusto a exposición Mulleres por mulleres, que o ano pasado abriu a programación do 25 de novembro. Neste mesmo acto foi entregado un lote de libros de temática feminista á biblioteca rural se San Xusto”.
Ademais “a Área de Igualdade do goberno de Barreiros dará lectura á declaración institucional contra a violencia, contra quen maltrata e contra quen a nega ou a relativiza, o martes 25 de novembro ás 12 horas na Praza do Concello. Desde días previos pendurará do seu balcón a faixa da campaña á que estamos adheridas desde o ano 2019, En Negro Contra as Violencias”.


