
O Recuncho Multicultural de Burela acolle unha nova xuntanza, con motivo da Festa da Música, este sábado, día 22 de novembro. A actividade será ás 12:30 horas na Praza de Abastos, antes do comezo da celebración da Festa da Música ás 13:00 horas.
O Concello de Burela explica que “durante o encontro cada colectivo participante compartirá a música, os sons e os instrumentos que adoita escoitar no seu lugar de orixe para crear unha playlist colaborativa”.
Segundo explicou o primeiro tenente de alcaldesa, Mario Pillado, “trátase dunha actividade cooperativa na que aprenderemos sobre diferentes culturas e tradicións a través da música co obxectivo final de crear unha playlist de músicas do mundo no noso concello”. Ademais destacou que “é un evento aberto a toda a cidadanía e dende o Concello animamos a toda á veciñanza a participar".
Mario Pillado afirmou que estas xuntanzas “axudan a crear comunidade en Burela, fomentando a participación cidadá e o achegamento a outras culturas, á vez que gozamos de músicas e ritmos novos".


