A biblioteca municipal Salgado Toimil, de Foz, convoca o XXI Concurso de Postais de Nadal para todo o alumnado do concello de Foz nas categorías existentes.
A concelleira de Cultura, Inés López Couto, anuncia que “o concurso estará aberto ata o vindeiro 12 de decembro. As postais deberán realizarse nunha cartolina de tamaño aproximado 16x11 centímetros, a técnica será libre e o texto que se inclúa deberá ser en galego. As categorías serán de infantil, primaria A (1º, 2º, 3º) e primaria B (4º, 5º, 6º), ESO (1º, 2º, 3º e 4º). Haberá tres premios por cada unha das categorías. A postal gañadora será a felicitación oficial do Concello de Foz para o Nadal 2025”.
Inés López Couto engade que “ademais a biblioteca municipal súmase á visualización e concienciación na loita contra a violencia de xénero, no 25N, cunha mostra bibliográfica que reúne obras literarias e divulgativas destinadas a promover a lectura como vía para a igualdade e que teñen como temática a perspectiva de xénero e as distintas formas de violencia machista. A mostra estará ata o vindeiro 28 de novembro”.
Ademais esta fin de semana o venres 21 ás 20.30 horas á Sala Bahía chega a representación Yo solo quiero irme a Francia, con María Galiana (Doña Herminia en Cuéntame), Nieve de Medina, Ledicia Sola e Alicia Armenteros. A entrada é de 5 euros.
“O sábado conmemoramos a Santa Cilla e os músicos da Banda de Música de Foz ofrecerán un concerto a partir das 20.00 horas na Sala Bahía. Tamén temos festa na parroquia de Santa Cilla, onde o sábado e o domingo haberá moita música”, finaliza a concelleira de Cultura.


