O programa “Cervo concilia polo Nadal” desenvolverase do 22 de decembro ao 7 de xaneiro

O Concello de Cervo organiza para este Nadal unha nova edición do programa Cervo Concilia, que dará comezo o 22 de decembro. Estenderase durante as vacacións de Nadal, finalizando o 7 de xaneiro, en horario de 8:30 a 14:30 horas.

“Este programa, que está dirixido a nenos e nenas de entre 3 e 12 anos, componse dun completo calendario de actividades educativas e lúdicas pensadas para entreter ás crianzas nestas datas de lecer, sen deixar de lado a aprendizaxe e incidindo especialmente no concepto da conciliación das familias”, explica o Concello de Cervo.

As inscricións estarán a disposición das familias na Casa da Cultura de San Ciprián e na Casa do Concello a partir deste martes, día 9 de decembro. O prazo para anotarse remata o 17 de decembro e as prazas son limitadas.