
A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude ofrecerá no Pazo de San Tomé, de Mondoñedo, unha exposición de fotografías de José Pernas Moirón que reflicten a vida na localidade entre as décadas de 1950 e 1960. O delegado territorial da Xunta de Galicia en Lugo, Javier Arias, presentou a mostra, que se inaugurará este venres, día 12 de decembro, ás 18:00 horas e poderase visitar durante todo o Nadal.
Trátase dunha recompilación de 65 fotografías enmarcadas, descritas e datadas polo Arquivo Histórico Provincial de Lugo, coa colaboración de Andrés García Doural, “gran coñecedor de Mondoñedo e das súas xentes”, destaca a Xunta de Galicia, que ademais explica que “Pepe Pernas, como era coñecido en Mondoñedo, era fillo doutro grande da fotografía, Santiago Pernas Salazar. Foi un fotógrafo de rúa que captou o acontecer da vila, desde a paisaxe urbana, ata os bailes, as festas, os paseos, os actos relixiosos e sociais, o tempo de lecer e o de traballar, presentando un mosaico de imaxes que retratan o Mondoñedo de mediados do século XX”.


