Xove chega este Nadal á XIII edición do concurso de karaoke, que será o 26 de decembro

Xove acollerá o venres 26 de decembro ás 21:30 horas no Pavillón Municipal de Deportes a XIII edición do seu tradicional concurso de karaoke, “unha das citas máis destacadas e agardadas dentro da programación cultural do Concello para estas datas de Nadal”.

Para elo xa está aberto o prazo de inscrición e dende a organización animan “a todas as persoas, sexan profesionais do micrófono ou simples amantes da música, a anotarse xa para participar. Non importa a idade nin o estilo musical: o importante é pasalo ben e compartir un momento único”.

O Concello de Xove engade: “convertido xa nunha actividade de grande tradición e arraigamento no municipio, o Karaoke de Nadal de Xove destaca cada ano polo seu éxito de participación e pola crecente afección pola música con participantes tanto do propio concello como de concellos limítrofes. Trátase dunha das propostas máis animadas, festivas e familiares destas datas, reunindo a persoas de todas as idades nun ambiente lúdico, participativo e cheo de talento. Nesta XIII edición, o concurso manterá a súa estrutura habitual con tres categorías: peques, iunior e veteranos e en cada unha delas entregaranse tres premios, distinguidos entre dous á mellor voz e un á mellor caracterización. En total repartiranse 900 euros en premios, recoñecendo así o esforzo, o talento vocal e a creatividade na posta en escena dos mellores participantes.

O Concello de Xove anima a toda a veciñanza e visitantes a “gozar dunha noite moi musical, divertida e chea de emoción, que cada ano fai as delicias do público asistente e contribúe a dar máis vida á programación cultural do Nadal no municipio”.