Barreiros programa teatro e cine para esta fin de semana, sábado 20 e domingo 21 de decembro

O Concello de Barreiros pecha a programación cultural cunha fin de semana dedicada ás artes escénicas e ao cine galego con dúas propostas abertas ao público que terán lugar esta fin de semana.

O sábado 20 de decembro, ás 19:00 horas, os colexios vellos de San Miguel acollerán a “Isabel Risco coa súa icónica Nabiza Girl que, neste caso, virá acompañada do fiel escudeiro, Don Galizo. Isabel Risco e Alberte Bello propoñen un espectáculo cheo de humor, retranca e identidade galega”, anuncia o Concello de Barreiros.

Xa o domingo 21 de decembro, ás 19:00 horas, o centro sociocultural de San Cosme acollerá unha tarde de cine coa proxección da película Antes de nós. “O filme debuxa dous momentos decisivos na vida de Castelao e da súa compañeira Virxinia antes de converterse nunha das figuras centrais da cultura galega”, explica o Concello.

Ambas actividades son con entrada libre co que o Concello de Barreiros “aposta polos encontros da veciñanza arredor da cultura e accesibles para todo o mundo”.