A Carreira Solidaria de Reis en Barreiros disputarase este domingo, 4 de xaneiro

O Concello de Barreiros anuncia que a tradicional carreira solidaria de Reis disputarase este domingo, día 4 de xaneiro, “con récord de participación na categoría absoluta”. As inscricións permanecerán abertas ata o xoves día 1 incluído.

Barreiros acollerá a primeira das probas do ano 2026 pertencentes ao seu circuíto de carreiras populares Circuíto +kmsBarreiros, que ademais da carreira absoluta e de menores contará cunha andaina solidaria con dúas distancias (8 e 13 quilómetros) a escoller polas persoas participantes.

O aporte solidario desta edición irá destinado a prol da asociación SOMOS, unidos por el cáncer e desde o Concello de Barreiros agardan superar a cifra recadada o ano anterior, que foi de 667 euros. Na páxina web do evento (www.maiskmsbarreiros.gal) poden facerse as inscricións, ao igual que está dispoñible un Dorsal 0, no que se pode colaborar co aporte solidario sen necesidade de participar nas probas.

Esta primeira proba servirá para establecer os primeiros candidatos e candidatas a repartirse os 1.000 euros en premios que están en xogo nas distintas categorías do Circuíto +KmsBarreiros 2026 así como premiará aos mellores clasificados individuais absolutos co tradicional roscón de Reis e cun lote de produtos de porco celta, que tamén conseguirá o mellor club da carreira. Ademais haberá chocolatada e roscón de balde para todas as persoas inscritas e levarán un agasallo en forma de camiseta os 250 primeiros inscritos, tanto na andaina como na carreira absoluta, e estes últimos tamén terán outro agasallo da organización.

Dende o Concello de Barreiros agradecen a colaboración doutras entidades, como a Vicepresidencia da Deputación de Lugo e a Xunta de Galicia, das asociacións Praias de Comado, CC Ollomao, AD Aguas Santas, Protección Civil de Barreiros e de todos os patrocinadores e voluntarios que quixeron colaborar coa carreira, e animan a toda a veciñanza a inscribirse e a asistir a “un evento que achegará a Barreiros preto de 500 persoas”.

A saída e a meta estarán situadas ao carón do Centro sociocultural de San Cosme de Barreiros, sendo a saída da andaina ás 10:30 horas, as carreiras de menores ás 11:10 e a carreira absoluta ás 12 horas.