O Concello de Xove organiza unha festa infantil de fin de ano este mércores, 31 de decembro

O Concello de Xove continúa coa súa programación cultural do Nadal 25-26 e convida a todos os nenos e nenas do municipio a participar na xa tradicional Festa Infantil de Fin de Ano, que se celebrará este mércores, día 31 de decembro, ás 11:00 horas no Pavillón Municipal.

“A xornada comezará cunha animada festa chea de música, xogos e actividades pensadas especialmente para que os máis pequenos da casa poidan despedir o ano dun xeito divertido e participativo. Ás 12.00 do mediodía, e sempre que o tempo o permita, está previsto que os nenos e nenas tomen as tradicionais uvas coas doce campanadas de mediodía, seguindo o reloxo da praza do Centro Cívico. Tras este momento simbólico, a celebración continuará dentro do pavillón con máis música e animación para pechar o ano cun bo ambiente festivo”, anuncia o Concello de Xove, que anima “aos máis pequenos a achegarse e participar desta festa pensada para que a infancia viva tamén o espírito do Nadal e a ilusión da chegada dun novo ano e para que teñan un momento divertido e especial no que poidan desfrutar xuntos desa experiencia festiva adaptada ás súas idades”.