En Xove o tradicional desfile dos Reis Magos do 5 de xaneiro comezará ás 19:00 horas

A Concellería de Cultura do Concello de Xove informa da chegada das Súas Maxestades os Reis Magos de Oriente ao concello, “unha das citas máis agardadas destas datas tan especiais. As Súas Maxestades chegarán cedo a Xove para realizar unha visita moi especial á Residencia San Bartolomé, onde os seus usuarios e usuarias, sempre tan agradecidos, recibirán aos Reis con moito cariño e emoción. Posteriormente os Reis Magos desprazaranse á nave almacén do Concello, punto de saída do tradicional desfile das carrozas polas rúas de Xove, que arrancará ás 7 da tarde. O percorrido pasará por diante dos dous centros educativos do municipio, o Instituto e o Colexio, saíndo á Avenida Deputación pola que seguiran ata o cruce do parque e baixaran pola rúa Doutor José Baamonde Illade, desde onde se dirixirán cara ao Centro Cívico. Unha vez alí, as Súas Maxestades baixarán das carrozas  para dirixirse ao Pavillón Municipal. Neste espazo, os Reis Magos terán uns tronos onde sacarán fotografías e recibirán a todos os nenos e nenas que queiran achegarse ao seus regazos para compartir ilusións e desexos”.

A noite estará amenizada con animación musical a cargo do DJ Conxuro, que “fará gozar a todo o público presente”.

Desde a organización estarase moi pendente da previsión meteorolóxica.  E á hora da saída, ás 7 da tarde, no caso de que as condicións do tempo sexan adversas, activarase un plan alternativo que consistirá no traslado directo dos Reis Magos e dos seus colaboradores ao pavillón municipal, “garantindo así que os máis pequenos poidan gozar igualmente deste momento tan especial e non perdan a ilusión”.

A Concellería de Cultura agradece “a todas aquelas persoas que, de maneira totalmente desinteresada, colaboraron para que tanto esta Cabalgata como o conxunto das actividades de Nadal programadas se desenvolveran con éxito. En especial, aos operarios municipais, e a Papá Noel, Reis Magos, paxes reais, elfos, personaxes Disney, pastores e pastoras, e cabaleiros que arribaron en Xove”.