Xove celebrará o 7 de febreiro a XVII Festa do Lacón, organizada pola asociación cultural Saíñas

A asociación cultural Saíñas organiza o vindeiro sábado 7 de febreiro a XVII Festa do Lacón, “unha cita xa consolidada para o uso e desfrute de todos os socios, veciñanza e visitantes”, anuncia o Concello de Xove, que explica: “o evento terá lugar no Pavillón Municipal de Xove, cuxas portas estarán abertas a partir das 20:30 horas, para degustar un delicioso menú completo composto por sopa, lacón, patacas, chourizo, pan, bebida e, como remate, postres variados e chocolatada. Todo isto poderá desfrutarse por un prezo popular de 12 euros, unha cantidade moi accesible coa que cada participante poderá cear e, ao mesmo tempo, colaborar co labor da asociación. A festa estará amenizada con música e baile en directo, ademais de sorteos e karaoke, garantindo unha noite de diversión e boa compañía”.

Desde a asociación cultural Saíñas convídase “a todo o mundo a achegarse para gozar deste cocido a prezo popular, compartir momentos cos amigos e botar unhas pezas que axuden a animar o duro inverno que estamos tendo”.

A asociación agradece “a colaboración do Concello de Xove, así como a de todos os socios e persoas que arriman o ombro para que esta Festa do Lacón sexa, un ano máis, todo un éxito, acadando xa a súa XVII edición”.