As actividades de Entroido en Mondoñedo desenvolveranse do 7 ao 21 de febreiro

O Concello de Mondoñedo vén de presentar a programación do Entroido 2026, que se celebrará do 7 ao 21 de febreiro, cun calendario festivo que “combina tradición, gastronomía e espectáculos musicais e que conta coa colaboración do Círculo Recreativo Casino de Mondoñedo e da AC Pasatempo. Veciñanza e visitantes poderán gozar durante dúas semanas dunha oferta pensada para todos os públicos”.

“A programación arrinca este sábado, día 7 de febreiro, co IV Cocido Baile O Pasatempo, amenizado polo Dúo EPO-K e o Trío Merengue na Finca San Antonio. As persoas interesadas poden consultar prezos directamente coa organización. O venres 13 de febreiro celebrarase a tradicional Cea de Comadres no Círculo Recreativo Casino, unha cita xa consolidada no calendario festivo mindoniense. A información sobre prezos deberá solicitarse á entidade organizadora. O Entroido continúa o martes 17 de febreiro co Baile Infantil no Círculo Recreativo Casino, coa actuación de DJ HH e os seus personaxes fantásticos. O evento está organizado polo Concello e o Casino e contará con entrada libre”, anuncia o Concello de Mondoñedo, que ademais destaca que “o momento culminante chegará o sábado 21 de febreiro, día grande do Entroido de Mondoñedo, cunha xornada completa de actividades que terá como prato forte o Gran Desfile do Entroido, dotado con máis de 5.000 euros en premios. O desfile sairá ás 17:30 horas desde o Campo dos Paxariños ata a Praza da Catedral, seguido do baile de disfraces e da entrega de premios na praza do Concello. A programación do día inclúe: ás 13:00 horas, animación de comparsas polo centro; ás 14:00, sesión vermú co grupo D´KRISS na praza do Concello; ás 17:30 horas, inicio do desfile no Campo dos Paxariños; ás 20:30, Baile de Entroido co grupo D´KRISS na carpa da praza do Concello; ás 22:00 horas, entrega de premios infantís; ás 23:30, continúa a actuación de D´KRISS; e ás 01:00 horas, entrega de premios de adultos. Para pechar a xornada o Casino de Mondoñedo organizará un ano máis o seu tradicional Baile de Piñata no Círculo Recreativo Casino”.

O Concello de Mondoñedo anima “á participación activa da cidadanía e convida a vivir un Entroido cheo de cor, humor e espírito festivo nun marco incomparable como é o noso casco histórico”.