
O GALP A Mariña-Ortegal organiza un curso sobre turismo mariñeiro que se desenvolverá do 23 ao 27 de febreiro.
Os promotores desta iniciativa explican que “os oito Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro de Galicia uníronse na promoción do proxecto de cooperación Mar e Rías: Pesca&Turismo, baixo a coordinación do GALP Ría de Pontevedra. Trátase dunha iniciativa de diversificación pesqueira que aposta polo emprendemento, a profesionalización e a creación de novas fontes de ingreso nas comunidades mariñeiras. No marco deste proxecto vaise impartir un Curso de Turismo Mariñeiro e Pesca Turismo, no que se ofrecerán ferramentas prácticas para desenvolver este tipo de actividades, poñer en valor o noso patrimonio marítimo pesqueiro e contribuír ao fortalecemento do sector. O curso celebrarase na semana do 23 ao 27 de febreiro, en horario de tarde, que se concretará segundo a dispoñibilidade das persoas participantes. En función do número de persoas inscritas, asignarase a localidade de celebración co obxectivo de facilitar a participación e optimizar a organización, tendo en conta a dispersión territorial”.
O GALP A Mariña-Ortegal engade que “este curso está especialmente dirixido a persoas que nunca emprenderon, profesionais que xa fixeron outros cursos pero aínda non deron o paso, así como aquelas persoas que teñen unha idea de turismo mariñeiro ou pesca turismo e non saben por onde comezar. O curso ofrece a formación práctica necesaria para o exercicio da actividade, acompañamento personalizado nos primeiros pasos do proxecto e ferramentas clave para crear un proxecto sólido, seguro e ligado ao territorio”.


