
O Concello de Cervo anuncia que se converterá “no epicentro dunha proposta cultural de gran singularidade coa inauguración, este mércores día 1 de abril ás 13:30 horas na Casa da Cultura de San Ciprián, da exposición Baleas a Flote: Arte en Madeira e Mar, de Francisco Martínez-Pin. O acto, aberto ao público, marcará o inicio dunha iniciativa que transcende o ámbito expositivo para se converter nunha auténtica viaxe pola historia, a arte e a defensa do medio mariño”. Esta mostra poderá visitarse durante todo o mes de abril.
“Baleas a Flote constitúe o punto de partida do proxecto Tornaviaxe polo Cantábrico, un percorrido simbólico polos antigos portos baleeiros que unirá Galicia co País Vasco francés, recuperando a memoria colectiva das vilas mariñeiras e poñendo en diálogo o pasado co presente a través da creación contemporánea. A mostra reúne un destacado conxunto de pezas escultóricas elaboradas a partir de madeira e aceiro recuperados do medio natural, moitos deles procedentes do litoral galego. Esta forma de creación, baseada na reutilización e na reinterpretación de materiais marcados polo paso do tempo e pola acción do mar, sitúa o traballo de Martínez-Pin nunha clara dimensión ecolóxica e de compromiso co entorno”, explica o Concello de Cervo, que engade: “cada obra nace dun proceso de escoita e respecto pola materia, no que o artista actúa como mediador para que sexa o propio material quen conte a súa historia. O resultado son esculturas de gran forza simbólica que evocan a maxestuosidade dos cetáceos e, ao mesmo tempo, denuncian a pegada da actividade humana nos ecosistemas mariños, especialmente a contaminación por residuos plásticos. Entre as pezas máis salientables atópanse Leviatán Mariñá, Cachalote Verniano ou Cargueiro de eucalipto de batea, exemplos dunha proposta artística que combina estética, emoción e mensaxe social, convidando á reflexión sobre a necesidade urxente de protexer o noso patrimonio natural”.
O Concello de Cero tamén destaca que “a dimensión pedagóxica e social do proxecto completarase o propio día da inauguración cun obradoiro creativo dirixido ás crianzas de Cervo, no marco do programa municipal Cervo Concilia. Esta actividade permitirá aos máis novos achegarse á arte a través do uso de materiais reciclados, fomentando valores como a creatividade, o respecto polo medio ambiente e a importancia da sustentabilidade desde idades temperás”.
A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, puxo en valor a relevancia desta iniciativa sinalando que “esta exposición sitúa a Cervo como punto de partida dun proxecto cultural de gran alcance, que combina arte, historia e unha mensaxe ambiental moi necesaria nos nosos días”.
Así mesmo destacou que “o compromiso ecolóxico que transmite Baleas a Flote encaixa plenamente coa aposta do noso Concello pola sensibilización e a protección do entorno natural, ao tempo que achega unha proposta cultural innovadora e de calidade á nosa veciñanza”. En relación co obradoiro infantil, subliñou que “é fundamental implicar ás novas xeracións neste tipo de iniciativas, que lles permiten aprender, crear e tomar conciencia da importancia de coidar o medio que nos rodea”.
A exposición poderá visitarse durante todo o mes de abril na Casa da Cultura de San Ciprián, ofrecendo á veciñanza e ás persoas visitantes “a oportunidade de achegarse con calma a unha proposta artística que invita á contemplación, á reflexión e á conexión co mar, e en consecuencia coa nosa historia”. Dende o Concello de Cervo convídase á cidadanía e ao público en xeral a participar nesta inauguración e a descubrir unha mostra que “converte a arte nunha ferramenta de sensibilización, memoria e compromiso co futuro do noso ecosistema mariño”.


