Volta o Domingueo en Ribadeo da man de Acisa e do Concello. Serán 7 mediodías dominicais con música do 19 de abril ao 21 de xuño

Concello e Acisa poñen en marcha unha nova edición da campaña Domingueo en Ribadeo co obxectivo de promocionar as compras no comercio local os domingos pola mañá e o consumo na hostalería local. A música inundará os recunchos da vila durante os mediodías de sete domingos desde o 19 de abril ao 21 de xuño. 

A concelleira de Comercio e Turismo, Marta Saiz, dixo que “a primavera en Ribadeo é época de domingueo, unha campaña que ten como obxectivo promocionar o comercio e a hostalería local. O feito de que o comercio abra en domingo xa atrae a moitas persoas durante todo o ano e do Domingueo en Ribadeo é un atractivo máis  para vir pasear por estas fermosas rúas, comprar no noso comercio e terracear con amigos e familia disfrutando dun vermú acompañados dun toque musical”.

E indicou: “desde o Concello xunto con Acisa seguimos traballando, apostando e dinamizando a economía local cun ambiente dinámico e acolledor no que ribadenses e visitantes convivimos con moito gusto proxectando esa imaxe dun Ribadeo vivo e activo todo o ano. Animámosvos a disfrutar dos domingos e dos domingueos en Ribadeo”

Os concertos do Domingueo en Ribadeo serán os días 19 e 26 de abril, 3 e 31 de maio e 7, 14 e 21 de xuño. 

A presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, manifestou que “con esta nova edición do Domingueo en Ribadeo segue o traballo conxunto entre o Concello e Acisa cun claro obxectivo común: potenciar o comercio, a hostalería e os servizos e así dinamizar a economía local. Continuamos traballando e apostando pola desestacionalización do turismo e queremos animar ás nosas veciñas e veciños de máis cerca, tanto de Galicia como de Asturias, a que se acheguen a gozar do Domingueo en Ribadeo, unha iniciativa que xurdiu hai bastantes anos e que desde hai tres cambiou de formato coa presenza de música nas rúas para facer aínda máis amenos os mediodías dominicais na nosa vila. A acollida foi boa nas dúas pasadas edicións e agardamos que se repita neste 2026”. 

Na presentación da campaña, que tivo lugar no parque de San Francisco, participaron o alcalde, Dani Vega, a concelleira de Turismo e Comercio, Marta Saiz, e a presidenta e o xerente de Acisa, Carmen Cruzado e Jesús Pérez.