
A Deputación de Lugo arrancou este mércores a sexta tempada do Coñece a túa provincia con 84 viaxes gratuítas esta primavera. A iniciativa, que impulsa a institución provincial “para fomentar o turismo de proximidade e poñer en valor o patrimonio da provincia, beneficiará un ano máis a unhas 3.000 persoas en dúas quendas: a primeira, que se desenvolve entre abril e xuño; a segunda, que terá lugar durante o outono”.
Pilar García Porto, a deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo; e Carlos López López, o deputado de Medio Ambiente, deron este mércores a benvida aos grupos que estrean as primeiras excursións do programa: a asociación Santalla de Pena, de Begonte, que visita Foz; e ás mulleres Bolboretas, de Xove, que van a Pantón e Carballedo. Os primeiros fixeron parada na Produtora do Servizo de Audiovisuais da Deputación e os segundos, no Centro de Interpretación Terras do Miño.
Deseñado pola Deputación no ano 2021 para apoiar ao sector servizos, “este programa demostrou ser un éxito rotundo en termos de participación e de xeración de riqueza para a nosa provincia”, valorou García Porto. A iniciativa está dirixida a entidades sen ánimo de lucro dos 67 concellos da provincia e técnicos da institución provincial teñen calculado que as máis de 17.000 persoas que participaron na iniciativa deixaron un retorno económico no territorio que supera os 800.000 euros.
Esta semana tamén viaxará un grupo de Cáritas Diocesana de Guitiriz, que coñecerá Alfoz e O Valadouro; a asociación O Compás do Río Ouro do Valadouro, que visitará Sober; e El Porvenir del Chao de Lousada, de Xermade, porá rumbo a Barreiros e Ribadeo.
A iniciativa mantén este ano os 44 itinerarios turísticos por toda a provincia e inclúe 7 rutas accesibles para persoas con mobilidade reducida e cada entidade puido escoller entre un máximo de cinco opcións. As excursións “cobren todos os aspectos necesarios para gozar dunha experiencia completa: transporte, seguros de viaxeiros, menú de xantar, entradas a lugares de interese e a presenza dun guía oficial habilitado durante todo o percorrido”.


