
A parroquia de Galdo, no municipio de Viveiro, celebrará o día 10 de maio, domingo, unha nova edición da Feira das Maulas, “unha das citas máis singulares do calendario local, que propón un ambiente festivo, tradición e actividade arredor do mundo gandeiro e ecuestre. Ao longo de toda a xornada, veciñanza e visitantes poderán desfrutar dunha programación pensada para combinar participación, lecer e posta en valor dun evento con fonda pegada no municipio”, anuncia o Concello de Viveiro.
A feira comezará ás 9:00 horas e, desde as 10:00 ata as 13:00 horas, permanecerá aberto o prazo de inscrición para as competicións no circuíto das carreiras, ademais de realizarse a medición dos cabalos na pista. A animación musical será desde as 12:00 horas coa actuación dos Gaiteiros de Bagoas da Terra, mentres que a sesión vermú estará amenizada polo dúo Belinda a partir das 14:00 horas.
O Concello de Viveiro engade que “a partir das 16.30 horas, comezarán as competicións, un dos grandes atractivos da xornada, e ás 17.00 horas disputarase un partido de fútbol feminino no campo Trasvías de Galdo. A entrega de premios terá lugar ao remate das probas e a festa continuará con tardeo e música de novo da man do dúo Belinda. A programación inclúe probas de andadura libre nas modalidades de serrada, chapeada e galope, así como categoría sub-16, carreira de burros e premios especiais de gandería ao maior número de cabezas de vacún e de equino. A organización repartirá premios económicos e trofeos nas distintas modalidades, reforzando o atractivo dunha feira que une espectáculo, participación e tradición”.
Os interesados en reservar curros poderán facelo a través de WhatsApp no teléfono 698.161.653.


