O Colectivo Pensamento e Sementeira organiza a Foliada do Maio en Galdo (Viveiro) este sábado, 9 de maio

O Colectivo Pensamento e Sementeira organiza a terceira edición da súa Foliada do Maio, que se celebrará este sábado, día 9 de maio, na Escola Vella de Galdo, no municipio de Viveiro.

A xornada comezará ás 18:00 horas co obradoiro de baile TradInclusivo, impartido por Cris Canosa. “Un espazo aberto a todas as persoas que queiran iniciarse no baile tradicional, cun enfoque inclusivo e accesible, pensado para garantir a participación de persoas con diversidade funcional. É unha actividade gratuíta con prazas limitadas”, anuncia Pensamento e Sementeira, que engade: “despois do obradoiro... chega a festa! Poñeremos en práctica o aprendido nos concertos da foliada. Nesta edición contaremos cos seguintes grupos: Pandeireteiras da Sementeira, Xaora, A Requinta de Lampai e Lina e Lola. E cando rematen os concertos… foliada aberta!”.