
O Concello de Barreiros anuncia que “dará un novo paso adiante no seu compromiso pola igualdade e contra as violencias machistas coa creación dun mural colaborativo que se desenvolverá os vindeiros días 16 e 17 de xuño. Esta acción, que conta co financiamento dos fondos do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, concíbese como un espazo de encontro, reflexión e expresión artística compartida para toda a veciñanza”.
A actividade estará coordinada polo pintor e ilustrador galego Leandro Lamas, “cuxo estilo vitalista, colorista e de fonda sensibilidade social guiará aos participantes. A implicación do artista vai máis alá do deseño técnico: Lamas traballará man a man coa comunidade, facilitando que persoas de todas as idades plasmen no espazo público unha mensaxe rotunda de rexeitamento ao machismo e de aposta polas relacións libres e respectuosas”.
O goberno municipal de Barreiros sinala que este mural “non é un feito illado, senón parte dunha estratexia política continua, decidida e transversal que pon o foco na prevención e na visibilización deste problema estrutural”.
A alcaldesa de Barreiros, Ana Ermida, destacou a importancia de levar a loita feminista ás rúas e de facela partícipe a toda a sociedade: “en Barreiros entendemos que a loita contra as violencias machistas non se constrúe dende os despachos, senón tecendo redes no comunitario. Este mural é política en maiúsculas: ocupamos o espazo público para visibilizar o noso compromiso irrenunciable cun concello libre de machismo. Queremos que cada persoa que pase por aquí lembre que esta é unha tarefa colectiva e que o Goberno de Barreiros está e estará sempre na vangarda da defensa dos dereitos das mulleres”.
O Concello de Barreiros engade que “un dos piares fundamentais desta convocatoria é o seu carácter interxeracional, procurando que compartan pinceis e reflexións tanto a mocidade como os sectores máis maiores do municipio, propiciando un diálogo fundamental para erradicar estereotipos e compartir experiencias de respecto”.
A concelleira de Igualdade, Montse Porteiro, puxo en valor o traballo que se vén desenvolvendo dende a súa área e a metodoloxía elixida para esta acción: “traballar na igualdade esixe constancia e ferramentas que impliquen directamente á veciñanza. Contar cun creador como Leandro Lamas, que sabe captar perfectamente a alma comunitaria e a sensibilidade desta causa, é un privilexio. Con este mural unimos a diferentes xeracións de barreirenses nun obxectivo común: aprender xuntas, escoitarnos e deixar unha pegada artística permanente que diga non a calquera tipo de violencia contra as mulleres. Seguimos demostrando con feitos que as políticas de igualdade son unha prioridade absoluta na nosa xestión”.
O Concello de Barreiros convida formalmente a todo o tecido asociativo, centros educativos e á veciñanza a título individual a sumarse ás xornadas dos días 16 e 17 de xuño “para construír, entre todas e todos, un espazo de cor, dignidade e xustiza social”.


