Ribadeo ultima os preparativos para a celebración do Día do Orgullo cun concerto de Eris Mackenzie o 21 de xuño

O Concello de Ribadeo continúa coa promoción da programación organizada arredor do Día do Orgullo LGTBIQ+ e anima á veciñanza e ás persoas visitantes a participar na gran celebración prevista para o próximo 21 de xuño, domingo. A xornada desenvolverase a partir das 13:00 horas no Quiosco do Parque San Francisco cunha sesión vermú que “combinará música, cor, convivencia e reivindicación da diversidade. O acto central será o concerto de Eris Mackenzie, unha das voces emerxentes máis destacadas da nova escena musical galega”.

A organización do evento destaca que Eris Mackenzie “ofrece unha proposta innovadora na que fusiona a electrónica contemporánea con elementos da música tradicional galega, creando unha sonoridade única que o converteu nun dos nomes con maior proxección dentro do panorama musical galego actual. O seu traballo combina raíces e modernidade, explorando emocións e experiencias persoais a través dunha linguaxe musical propia. A actuación en Ribadeo permitirá ao público descubrir un artista que está a recibir unha excelente acollida tanto pola crítica como polos festivais e programacións culturais de toda Galicia. Xunto ao concerto celebrarase tamén a Festa Holi, unha actividade pensada para encher de cor e alegría esta xornada festiva e reivindicativa. Ademais, durante o evento darase a coñecer a persoa gañadora da campaña Completa a Bandeira do Orgullo, desenvolvida nas últimas semanas coa colaboración do tecido comercial local”.

Desde o Concello de Ribadeo anímase á cidadanía a participar nesta celebración “aberta a todas as persoas, nun ambiente de respecto, igualdade e convivencia, reafirmando o compromiso do municipio coa diversidade e cos dereitos das persoas LGTBIQ+”.

En caso de condicións meteorolóxicas adversas, o concerto e as actividades previstas trasladaranse ao Auditorio Municipal Hernán Naval.