
O Concello de Viveiro colaborará coa Banda de Música O Landro na organización duns obradoiros de construción de instrumentos musicais con material de refugallo. Trátase dunha proposta que une educación ambiental, creatividade e formación artística e que se desenvolverá durante este verán, nos meses de xuño e xulllo, no Conservatorio de Música de Viveiro.
A iniciativa conta tamén coa colaboración de FCC Medio Ambiente, empresa adxudicataria do servizo vinculada á xestión dos residuos no municipio. Desde o Concello de Viveiro sublíñase que “este tipo de actividades permiten avanzar na concienciación ambiental e, ao mesmo tempo, implicar á sociedade, ás asociacións e ás novas xeracións na importancia de preservar o medio natural a través de propostas prácticas e participativas”.
Durante a presentación da actividade o goberno municipal de Viveiro puxo en valor “a capacidade destes obradoiros para conectar dúas dimensións de grande interese público, como son o respecto polo medio ambiente e a educación musical”. Neste sentido destacouse tamén “o papel da Banda de Música O Landro como entidade que contribúe á dinamización cultural de Viveiro e á promoción de iniciativas formativas e innovadoras”.
Pola súa banda FCC Medio Ambiente incidiu na “importancia de fomentar entre a infancia e a mocidade hábitos ligados á reciclaxe e á re utilización dos materiais. Lembrouse que dar unha nova vida aos residuos tamén forma parte dunha maneira máis responsable de relacionarse coa contorna”.
Desde a Banda de Música O Landro explicouse que “o obradoiro está pensado para crear unha sinerxía entre educación ambiental e educación artística, co emprego de materiais cotiáns para construír instrumentos e co uso da imaxinación, o traballo en equipo e a creatividade en parte fundamental da experiencia”.
Na actividade haberá dúas quendas dispoñibles: do 22 ao 26 de xuño e do 6 ao 10 de xullo, en horario de 10.00 a 14.00 horas. Será no Conservatorio de Música de Viveiro. O prezo será de 50 euros na primeira quenda e de 60 euros na segunda. As prazas son limitadas e cubriranse por orde de inscrición, que deberá realizarse a través do correo electrónico bandaolandro@gmail.com.
O Concello de Viveiro felicitou á Banda de Música O Landro e a FCC Medio Ambiente por impulsar a proposta. Ademais, incidiu na vontade de seguir apoiando iniciativas que “reforcen ao mesmo tempo a sensibilización ambiental, a formación e a vida cultural do municipio”.


