Pesca Saúde volverá no outono con obradoiros de cociña práctica para a cidadanía e presenza na hostalaría

As actividades do proxecto Pesca Saúde, a través do que os Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) promoven o consumo de produto pesqueiro como hábito de vida saudable, volverán no outono, cando se celebrarán obradoiros prácticos de batchcooking impartidos por profesionais da cociña. O batchcooking é unha técnica pensada para aproveitar o tempo de cociñado e reducir o desperdicio alimentario. Nestes obradoiros, ensinarase ás persoas a planificar os seus menús semanais incorporando produto pesqueiro nas súas elaboracións de xeito sinxelo. As persoas interesadas en participar deben permanecer atentas ás redes sociais dos GALP, onde se anunciarán as diferentes convocatorias, para as que será precisa a inscrición previa, anuncia do Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro A Mariña-Ortegal.

O GALP A Mariña-Ortegal explica que Pesca Saúde “nace como resposta ao descenso progresivo do consumo de peixe fresco e ao avance dos ultraprocesados na dieta habitual, unha tendencia asociada ao aumento de enfermidades cardiovasculares, metabólicas e inflamatorias. O proxecto defende que promover o consumo regular de peixe galego non é só unha cuestión dietética, senón unha estratexia de saúde pública apoiada na evidencia científica, dado o seu papel na saúde cardiovascular, cerebral, ósea, muscular, inmunitaria e metabólica”.

Esta iniciativa está financiada polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA) a través da Consellería do Mar. Conta ademais coa colaboración da Consellería de Sanidade, que une as Estratexias de Desenvolvemento Local Participativo (EDLP) dos GALP coa Estratexia Galega de Saúde Comunitaria 2023-2027.