
O programa Verán na Praza segue enchendo as rúas de Lourenzá vida e actividade e o vindeiro mércores, día 5 de agosto, ás 19:00 horas a Praza do Conde Santo acollerá un torneo de petanca, unha proposta “pensada para gozar en familia e aberta a persoas de todas as idades”, anuncia o Concello.
A actividade está organizada pola Asociación Valdeflores, en colaboración co Concello de Lourenzá, e “será unha excelente oportunidade para compartir unha tarde de convivencia, deporte e diversión arredor dun dos xogos tradicionais máis populares”.
“Animamos a toda a veciñanza a participar, tanto a quen xa practica este deporte como a quen queira achegarse por primeira vez para aprender as tácticas e os segredos da petanca da man de persoas con experiencia. O máis importante será desfrutar do ambiente, coñecer este xogo e pasar un bo rato en compañía”, indica a alcaldesa de Lourenzá, Rocío López.
Desde o Concello de Lourenzá destacan “o éxito que está a ter o programa Verán na Praza, cunha magnífica resposta da veciñanza en todas as actividades organizadas ata o momento. Este éxito non sería posible sen a implicación do tecido asociativo de Lourenzá, ao que queremos expresar o noso máis sincero agradecemento pola súa colaboración, compromiso e dedicación para facer posible unha programación variada e de calidade ao longo do verán. Agardámosvos o mércores ás 19:00 horas na Praza do Conde Santo. Participade, aprendede e desfrutade dunha tarde de petanca!”.


