Cervo será o 22 de agosto o escenario da 48ª Queimada Popular

Cervo será un ano máis o escenario da Queimada Popular, “unha das festas con máis identidade da contorna, declarada de Interese Turístico Galego, que este ano celebra a súa 48ª edición o próximo sábado 22 de agosto, cunha programación que volverá mesturar tradición, cultura, espectáculo e música para todos os públicos”, anuncia o Concello.

Na presentación da festa participaron a alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, a concelleira Mali Méndez, o edil Adrián Arias e membros de Airiños do Xunco, que organizan a festa en colaboración co Concello,

A rexedora destacou que “a Queimada é moito máis ca unha festa: é unha manifestación da nosa identidade, das nosas raíces e do compromiso por manter vivas as tradicións que nos definen como pobo. É un orgullo para o Concello de Cervo acoller unha celebración que cada ano reúne a milleiros de persoas e que continúa medrando grazas ao extraordinario traballo da Asociación Airiños do Xunco, que pon toda a súa ilusión e esforzo para que a Queimada siga sendo un referente cultural e festivo de Galicia, contando sempre co apoio do Concello."

Así mesmo puxo en valor “o carácter único desta celebración, na que se combinan a ambientación tradicional, o mercado, a escenificación teatral da Queimada, o seu conxuro e unha potente programación musical”.

O Concello tamén anuncia que a xornada arrancará pola mañá: ás 10:00 horas será a apertura do mercado tradicional de Cervo, con postos de artesanía, gastronomía e produtos locais; ao mediodía terá lugar o pregón das autoridades e continuará a animación polos postos do mercado; xantar popular nos postos do mercado con propostas para todos os públicos; ás 23:00 horas comezará a baixada cara á Praza do Souto, epicentro da celebración; a continuación desenvolverase a tradicional escenificación da Queimada, “unha posta en escena única que combina lume, lenda e dramatización e que sorprende edición tras edición”. Tras o conxuro, procederase ao tradicional reparto da queimada entre o público asistente. A música será a encargada de pechar a noite coa actuación de A Banda do Elías, banda homenaxe a Los Suaves, coa enerxía de Maneiro, ex vocalista de Herdeiros da Crus, e coa animación da Discomóbil Conxuro, que prolongará a festa ata ben entrada a madrugada.

Desde o Concello de Cervo fan un chamamento á participación na festa: “convidamos a toda a veciñanza e ás persoas que nos visitan a achegarse a Cervo para vivir unha das festas máis emblemáticas da nosa comarca. A Queimada Popular é tradición, cultura, convivencia e unha oportunidade única para desfrutar do mellor ambiente nunha noite máxica que cada ano continúa facendo historia”.