A historia de Lourenzá protagonizará unha nova actividade do programa Verán na Praza, coa presentación dun libro de Manuel Canosa este sábado, 15 de agosto

O programa Verán na Praza continúa coa súa programación cultural cunha nova proposta vinculada á historia e ao patrimonio local. Nesta ocasión, a Asociación Patrimonio Laurentino organiza a presentación do libro titulado Lope Sánchez de Moscoso, un vizconde no tempo de Enrique IV de Castela. Estudo histórico, análise e colección de documentos, do investigador e autor Manuel Canosa Trillo. A presentación terá lugar este sábado, día 15 de agosto, ás 19:30 horas no Salón de Actos do Concello de Lourenzá, e “permitirá achegar ao público unha obra que afonda na figura de Lope Sánchez de Moscoso e no contexto histórico no que desenvolveu a súa actividade, contribuíndo así a coñecer mellor a nosa historia e o noso patrimonio”, explica a alcaldesa de Lourenzá, Rocío López García.

Desde o Concello de Lourenzá agradecen especialmente á Asociación Patrimonio Laurentino a organización desta actividade, así como “a súa implicación e colaboración na programación do Verán na Praza, facendo posible que conte con propostas que poñen en valor a cultura, a memoria e o patrimonio de Lourenzá. Do mesmo xeito queremos recoñecer o traballo de todo o tecido asociativo do municipio, pola súa participación, compromiso e capacidade para dinamizar a vida cultural e social da nosa vila. A colaboración entre o Concello e as asociacións é fundamental para construír unha programación diversa, participativa e próxima á veciñanza”.

A presentación deste libro súmase así a un Verán na Praza que “aposta pola cultura, pola nosa historia e pola participación cidadá, ofrecendo espazos de encontro e actividades para gozar do verán en Lourenzá. Desde o Concello animamos á veciñanza a participar nesta presentación e a achegarse a coñecer unha obra que contribúe a recuperar e divulgar unha parte da nosa historia”.