
Trabada prepárase para vivir unha intensa fin de semana coa celebración das festas na honra á Nosa Señora e San Roque, que terán lugar os días 14, 15 e 16 de agosto na explanada do parque, cun programa de actividades organizado pola comisión de festas e coa colaboración do Concello.
O Concello de Trabada anuncia que a programación dará comezo este venres, 14 de agosto, cunha cea á que seguirá a verbena co Grupo Aché e DJ Litanea. O sábado 15 contará con sesión vermú coa orquestra Magos e pola tarde chegará o Mago Antón, que ofrecerá tres pases na explanada do parque, ás 18:00, 19:30 e 21:00 horas, coincidindo coa celebración do seu 50 aniversario. Pola noite a verbena correrá a cargo de Puma Dúo, orquestra Magos e DJ Ello. A programación continuará o domingo 16 de agosto, con sesión vermú a cargo do Grupo La Tremenda e DJ BRF. Durante a xornada tamén haberá racións de xamón cocido e chourizo á venda e un espazo cuberto con carpa.
Á programación festiva súmanse as Xornadas de Portas Abertas do Centro Etnográfico Xosé Rocha, que poderá visitarse os días 15 e 16 de agosto, de 17:00 a 21:00 horas, con entrada gratuíta, ofrecendo unha oportunidade para achegarse ao patrimonio, á cultura e ás tradicións locais.
O alcalde de Trabada, Rubén García, pon en valor o traballo desenvolvido pola comisión de festas e por todas as persoas que colaboran na organización: “estas celebracións son posibles grazas ao compromiso e á implicación das comisións de festas, que ano tras ano realizan un importante esforzo para manter vivas as nosas tradicións e ofrecer actividades para toda a veciñanza”.
O rexedor destacou tamén a importancia da colaboración municipal: “desde o Concello continuamos apoiando estas iniciativas porque contribúen a dinamizar Trabada, favorecer a convivencia e facer que durante estas datas o noso municipio sexa tamén un punto de encontro para veciños, veciñas e visitantes”.
Desde o Concello de Trabada anímase a toda a veciñanza a participar nas diferentes propostas e a desfrutar dunha fin de semana “na que tradición, cultura, música e diversión volverán ser protagonistas”.


