
O Concello de Trabada anuncia a posta a disposición da veciñanza de Vidal dun novo espazo de uso público, resultado do traballo conxunto desenvolvido entre veciños da parroquia, o Concello de Trabada e o equipo de limpeza da Deputación de Lugo. A estrea deste espazo coincide ademais cunha fin de semana especial para Vidal, que este sábado, día 22 de agosto, celebra as súas festas de San Bartolomé.
O Concello de Trabada explica que esta actuación permite que Vidal “conte desde agora cunha zona acondicionada que poderá empregarse para diferentes necesidades da parroquia, especialmente como espazo de aparcadoiro durante a celebración de eventos, así como para outras actividades e iniciativas que se organicen no futuro”.
O alcalde de Trabada, Rubén García, destaca especialmente “a implicación da veciñanza para facer posible esta mellora e agradece o traballo de todas as persoas que colaboraron na actuación”. Neste sentido pon en valor “de maneira particular a participación de Iago e Enrique, así como o labor desenvolvido polo persoal municipal e polo equipo de limpeza da Deputación de Lugo”.
“Este novo espazo é un exemplo do que podemos conseguir cando existe colaboración entre a veciñanza e as administracións. Grazas á implicación de todas as partes conseguimos recuperar e acondicionar unha zona que desde agora queda ao servizo de Vidal e que será de utilidade tanto nas festas como noutras actividades que se desenvolvan na parroquia”, sinala o rexedor.
A estrea deste espazo coincide ademais cunha fin de semana especial para Vidal, que este sábado, 22 de agosto, celebra as súas festas de San Bartolomé. A programación comezará ás 13:00 horas coa misa solemne. A partir das 14:00 terá lugar a sesión vermú, amenizada polo grupo Antha. E desde as 19:30 horas celebrarase a verbena coa actuación do dúo Sensaciones e o grupo Antha.
Desde o Concello de Trabada convidan á veciñanza do municipio e das localidades da contorna a achegarse a Vidal e participar “nunha xornada festiva que servirá tamén para desfrutar das melloras realizadas na parroquia”.


