
A Subdelegación de Defensa en Lugo, en colaboración co Concello de Xove, presenta ata o día 27 de setembro unha “interesante exposición fotográfica que nos achega á realidade xeográfica, social e económica de Afganistán, así como á presenza militar española no país”, anuncia o Concello de Xove, que engade: “a mostra reúne 30 fotografías, paneis informativos, uniformes e diverso material que permiten coñecer as diferentes fases da misión das Forzas Armadas españolas, desde 2001 ata finais de 2014, no marco da ISAF (Forza Internacional de Asistencia para a Seguridade)”.
O Concello de Xove tamén explica que “as imaxes amosan o traballo desenvolvido en ámbitos como a asistencia sanitaria, a seguridade, a loxística, o control e a vixilancia, así como as relacións entre o pobo afgán e os nosos militares. Unha exposición que tamén nos invita a reflexionar sobre a importancia da paz, a seguridade e o compromiso das Forzas Armadas”.
A exposición, titulada Misión: Afganistán, está no Centro Cívico de Xove e pode visitarse todos os días de 09:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas.


