
A Aula Universitaria da UNED de Foz anuncia que inicia o curso académico cunha “ampla programación durante o mes de outubro, na que se combinan propostas formativas de diferentes ámbitos con actividades de carácter práctico, cultural, divulgativo e de lecer”.
“A formación en linguas terá un papel destacado, coa posta en marcha dos cursos de CELGA 3 e 4, a partir deste xoves, 1 de outubro, e de Inglés B1, repaso pre-exame, que comezará o día 5. A programación incorpora tamén propostas relacionadas co benestar e os hábitos saudables, como o curso Visión natural na era dixital, que dará comezo o 14 de outubro, e unha xornada de adestramento híbrido e brunch, prevista para o domingo 18 pola mañá. Neste ámbito inclúese tamén unha actividade divulgativa con motivo da Semana de Concienciación sobre o Trastorno Obsesivo-Compulsivo (TOC). Baixo o título Vivir co TOC: unha conversa en primeira persoa, a actividade abordará este trastorno desde unha perspectiva clínica e, especialmente, a través da experiencia de persoas que conviven con el, nunha conversa guiada por unha profesional da psicoloxía. A actividade terá lugar durante o martes, 13 de outubro”, explica a Aula Universitaria de Foz.
“Buscamos que a Aula ofreza propostas diferentes, para que cada persoa poida atopar algunha actividade que se adapte aos seus intereses”, sinala a coordinadora da Aula Universitaria de Foz, Marta Muiña, que destaca especialmente “a variedade dunha programación que combina formación, divulgación e actividades para compartir e coñecer mellor o noso contorno”.
Tamén anuncia que “o coñecemento do territorio, a natureza e a participación ambiental será outro dos eixes da programación. O 15 de outubro terá lugar a ruta turística Coñece a parroquia de Vilaronte, unha oportunidade para descubrir o patrimonio e os valores do contorno máis próximo. Ademais, a Aula participará o 16 de outubro na XV Limpeza Simultánea de Praias, campaña organizada anualmente por ADEGA, cunha xornada de limpeza na praia da Rapadoira. A iniciativa dá continuidade á colaboración que a Aula Universitaria de Foz vén mantendo nos últimos anos con esta campaña de sensibilización e participación cidadá a prol da conservación do litoral. A finais de mes, a Aula achegarase ao mundo dos cogomelos co curso de iniciación á micoloxía, que terá continuidade cun roteiro presencial aberto ao público. Deste xeito, as persoas participantes poderán complementar os contidos teóricos cunha experiencia práctica no medio natural, aínda que o roteiro estará tamén aberto a persoas que non realizasen previamente o curso. A oferta inclúe, ademais, unha proposta de carácter profesional e empresarial: o curso especializado en Responsabilidade social corporativa e sistemas de xestión ambiental na empresa moderna, que se desenvolverá entre o 20 e o 27 de outubro”.
Para a concelleira de Educación, Elena Martínez, “esta programación demostra a capacidade da Aula para achegar formación e actividades de interese á cidadanía e para converterse nun espazo aberto á participación e á aprendizaxe ao longo de toda a vida”.
Con esta programación, a Aula Universitaria da UNED de Foz continúa ampliando a súa oferta e “consolidándose como un espazo de formación, divulgación e participación aberto á cidadanía, complementando a actividade académica da UNED con propostas vinculadas á cultura, ao patrimonio, á natureza, ao benestar e á formación profesional”. Ambas responsables aproveitan para recordar que a matrícula dos graos e estudos da UNED segue aberta ata o 21 de outubro.
As persoas interesadas poden consultar a información completa de cada actividade, así como as condicións de matrícula e participación, a través das canles habituais da UNED e da Aula Universitaria de Foz.


