Alfoz celebrará o domingo 25 de outubro o XXXII Festival da Terceira Idade

O Concello de Alfoz celebrará o domingo 25 de outubro o XXXII Festival da Terceira Idade, unha xornada de encontro e convivencia destinada ás persoas maiores de 65 anos ou pensionistas empadroadas no municipio, que poderán asistir acompañadas dos seus cónxuxes.

 A programación comezará ás 13.00 horas cunha misa na igrexa parroquial de San Pedro de Mor. A continuación terá lugar a tradicional comida de confraternidade no Pavillón Municipal de Deportes, acompañada de diferentes actos ao longo da xornada. Como é habitual, durante a celebración o Concello terá tamén un recoñecemento especial para as persoas asistentes de máis idade, así como para os matrimonios que ao longo deste ano cumpren 50 anos de unión, nunha xornada coa que se pretende “poñer en valor a convivencia, a traxectoria vital e a contribución das xeracións de máis idade á vida do municipio”.

A alcaldesa de Alfoz, Efigenia Maseda, sinala que “o Festival da Terceira Idade é, ante todo, un día para compartir, reencontrarnos e agradecer todo o que a veciñanza de máis idade fixo e segue facendo por Alfoz”.