O Concello de Barreiros lanza un concurso para fomentar o estilo de vida saudable entre os escolares dentro do proxecto “Vivir o Mar”

O Concello de Barreiros, dentro do proxecto Vivir o Mar: Produto Local e Deporte no Litoral de Barreiros, lanza o I Certame Escolar de Estilo de Vida Saudable, “como a actividade de peche e consolidación dos obradoiros impartidos nos colexios do municipio, onde o alumnado poderá gañar premios variados relacionados coa temática do concurso de promover un modelo de benestar integral entre a poboación infantil e xuvenil. A finalidade deste certame, titulado O mar como fonte de saúde: alimentación saudable e vida activa no litoral, é permitir ao alumnado aplicar de forma creativa os coñecementos adquiridos sobre alimentación saudable, actividade física e valorización do entorno litoral e dos produtos mariñeiros locais do Concello de Barreiros”.

“Para participar, o alumnado dos colexios onde se impartiron os obradoiros de vida saudable nas semanas previas, do CEIP San Miguel de Reinante e do CEIP San Cosme, deberán realizar un traballo que entre dentro das dúas liñas propostas nas bases do certame: a elaboración dunha receita equilibrada que inclúa produto mariñeiro local ou o deseño dunha proposta de actividade deportiva e de lecer saudable a realizar nos espazos do litoral de Barreiros durante a fin de semana en familia ou con amizades”, explica o Concello, que engade: “os traballos elaboraranse na aula de xeito individual ou por grupos (segundo determine o profesorado), e poderanse presentar baixo unha das dúas seguintes modalidades plásticas/comunicativas: un traballo ilustrado en formato físico (A4 ou A3) que combine texto descritivo e debuxo/ilustración orixinal ou unha fotografía con Imaxe orixinal (en papel fotográfico ou dixital imprimible en A4 ou A3) acompañada dun breve texto explicativo. Todos os traballos (textos, lemas, descricións ou títulos) deberán estar redactados obrigatoriamente en lingua galega e deberán incluír un título orixinal nunha portada anexa e colocarase de xeito visible na metade superior do soporte utilizado”.

O Concello de Barreiros tamén indica que “tras impartirse os obradoiros do  proxecto Vivir o Mar: Produto Local e Deporte no Litoral de Barreiros nos colexios do municipio, nos que recibiron as visitas do cociñeiro membro do Colectivo Gastronómico da Mariña Javier Montero e da ximnasta artística Candela Martínez Bobo, os escolares terán ata o día 11 de novembro para facer as súas propostas para o certame. Os traballos que se presenten desenvolveranse ao longo dun máximo de 2 semanas de traballo titorizado polo profesorado dentro do horario escolar e serán valorados por un xurado externo que resolverá o certame o luns 16 de novembro. Este certame contará con dúas edicións, coincidindo co curso escolar e ao remate dos obradoiros impartidos en cada anualidade: a edición 2026, dirixida ao alumnado de 1º e 2º de Educación Primaria (Ciclo Inicial) dos dous centros (a que está agora en curso), e a edición 2027, dirixida ao alumnado de 3º a 6º de Educación Primaria (Ciclo Medio e Superior) dos dous centros. Os traballos de ambas as dúas edicións resérvanse para unha exposición final conxunta. Para garantir a pulcritude do certame e a non inxerencia externa, o profesorado dos colexios recompilará os traballos e entregaraos ao persoal externo do proxecto. Co fin de garantir a máxima transparencia e obxectividade na avaliación, o persoal externo asignará un código numérico anónimo a cada proposta antes de ser entregada ao xurado, ocultando os datos persoais do alumnado e do centro”.

Os premios do Certame Escolar de Estilo de Vida Saudable “terán carácter exclusivamente educativo e divulgativo (non económico), sendo o Concello de Barreiros quen asumiu o seu custo. O premio estará composto por material didáctico, material deportivo, lotes de produtos locais e divulgativos para o traballo gañador de cada categoría (Opción A e Opción B) en cada anualidade. Ademais farase entrega dun premio colectivo por aula, é dicir, un recoñecemento e un lote de material para cada unha das aulas participantes en cada anualidade (as aulas do Ciclo Inicial en 2026 e as aulas do Ciclo Medio e Superior en 2027), para agradecer o seu compromiso e esforzo conxunto”.

O Concello de Barreiros tamén anuncia que “ademais dos obradoiros xa impartidos nas últimas semanas onde se sensibilizaba ao alumnado sobre a importancia da alimentación saudable e do deporte para ter unha vida sá e dos certames escolares, o proxecto Vivir o Mar tamén participará na Carreira das Praias, en colaboración coa organización da proba, para a que se deseñará un percorrido adaptado á participación infantil e xuvenil, acompañado de sesións preparatorias da edición 2027 nos centros educativos. As actividades ligadas ao proxecto Vivir o mar contan cun orzamento de 35.446,95 euros, financiado polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA) e pola Xunta de Galicia, ao abeiro da Orde do 12 de decembro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas a proxectos ao abeiro das Estratexias de Desenvolvemento Local Participativo (EDLP), aprobadas aos Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) galegos do FEMPA 2021-2027”.