O Foro Social da Mariña organiza a proxección do documental “Crónicas dun non” en Viveiro este xoves, 12 de novembro

A proxección do documental titulado Crónicas dun non, de Fernando Rodríguez Gómez (Peñaño), terá lugar este xoves, 12 de novembro, ás 20 horas na Sala Multiusos do Concello de Viveiro. É un acto organizado polo Foro Social da Mariña, que explica: “o documental conta a historia do movemento da insubmisión en Galicia a través da experiencia persoal do seu director, que foi detido no ano 1989 pola súa negativa a incorporarse ao servizo militar obrigatorio; permanecendo en prisión preventiva, xulgado e condenado a un ano de cadea. Unha historia máis, entre as moitas, que deron rematado coa inxustiza do servizo militar obrigatorio”.

O Foro Social da Mariña engade que este documental “conta tamén coas testemuñas de persoas que participaron en Galicia nas mobilizacións vinculadas á insubmisión e propón unha reflexión sobre o papel da participación cidadá e da acción colectiva como medio para promover cambios sociais e políticos. O movemento da insubmisión apareceu no estado español no ano 1989 e, dende esa data, foron moitos os mozos que se negaron a realizar o servizo militar obrigatorio e a PSS ( prestación social sustitutoria). Durante 12 anos, a través da desobediencia civil, os insubmisos mantiveron unha confrontación directa contra o estado, na que ademais de rexeitar a mili, avogaban por un sistema social máis xusto”.

Rematada a proxección abrirase un coloquio coa participación do director do documental.