Lourenzá conmemora o 25N cunha programación de actividades de sensibilización e prevención da violencia de xénero

O Concello, en colaboración coa Asociación de Mulleres Rurais de Lourenzá, organiza unha serie de actividades con motivo do 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, co obxectivo de “promover a igualdade, a sensibilización e a prevención da violencia de xénero”.

A programación desenvolverase o mércores 25 de novembro e comezará ás 11:00 horas cun taller de defensa persoal para mulleres, impartido por Eladio Esteban Santalla, instrutor de defensa persoal e cinturón negro sexto dan de karate. “Unha actividade pensada para ofrecer ferramentas e recursos que contribúan a reforzar a seguridade e a confianza das participantes”, explica a alcaldesa de Lourenzá, Rocío López, que engade: “xa pola tarde, ás 17:30 horas, terá lugar a proxección do curtametraxe Juntas, e ás 18:00 horas celebrarase o obradoiro creativo A árbore dos bos tratos, unha proposta participativa para reflexionar sobre a importancia das relacións baseadas no respecto, no bo trato e na igualdade”.

Ademais destas actividades, o Concello de Lourenzá acolle nos seus baixos, do 12 ao 24 de novembro, a exposición titulada Á violencia de xénero dille non, que poderá ser visitada por todas as persoas interesadas.

O Concello de Lourenzá agradece expresamente a Eladio Esteban Santalla a súa colaboración e disposición para impartir o taller de defensa persoal, así como á Asociación de Mulleres Rurais de Lourenzá a súa implicación e colaboración na organización desta programación.

Na presentación da programación participaron a alcaldesa, Rocío López; a concelleira de Servizos Sociais, Mercedes Dengra; e directivas da Asociación de Mulleres Rurais.