
O Concello de Alfoz presenta a súa programación con motivo do 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, que este ano se desenvolverá baixo o lema Por todas, con todos. Nin invisibles, nin silenciadas, co obxectivo de reforzar o compromiso municipal coa igualdade, a prevención da violencia de xénero e a sensibilización da sociedade. Haberá dúas charlas, que serán os días 25 e 28 de novembro.
Ao longo do mes de novembro a Casa do Concello de Alfoz permanecerá iluminada de violeta “como mostra do compromiso institucional coa igualdade”. Ademais realizarase unha entrega de toallas deportivas conmemorativas do 25N ao alumnado do CEIP Plurilingüe Castro de Ouro, persoal municipal e ás persoas usuarias das actividades deportivas municipais, “co propósito de facer chegar esta mensaxe a diferentes sectores da poboación”.
O Concello de Alfoz tamén anuncia que o propio 25 de novembro “desenvolverase no instituto a charla de sensibilización e prevención da violencia sexual Sementes de cambio: erradicando a violencia sexual, dirixida ao alumnado de Educación Secundaria, para fomentar relacións baseadas no respecto, na igualdade e no consentimento. A programación culminará o sábado 28 de novembro ás 18.00 horas na Casa da Cultura de Alfoz cunha charla-coloquio coa escritora Iria Collazo, gañadora do Premio de Novela Manuel García Barros 2026, arredor da súa obra A muller de mentira. O encontro permitirá reflexionar sobre a identidade feminina, as relacións afectivas e a invisibilidade das mulleres”.
A alcaldesa de Alfoz, Efigenia Maseda, destaca: “queremos que a mensaxe do 25N chegue a todas as idades, desde a infancia ata as persoas adultas. Ningunha muller debe sentirse soa, invisible ou silenciada e avanzar cara a unha sociedade máis igualitaria é unha responsabilidade de todas e todos. Ademais desde as administracións temos a responsabilidade de traballar na prevención, na sensibilización e na educación, porque a igualdade debe practicarse todos os días”.
Desde o Concello de Alfoz anímase á veciñanza a participar nas actividades programadas e a continuar traballando conxuntamente pola igualdade e a eliminación da violencia contra as mulleres.
A programación está organizada polo Concello de Alfoz coa colaboración da Xunta de Galicia e do Goberno de España, a través do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.


