O Concello de Foz ofrece actividades polo Día da Eliminación da Violencia Contra a Muller do 23 ao 25 de novembro

O Concello de Foz, a través da Concellería de Muller e Igualdade, conmemora o 25N co talento escolar como imaxe oficial, ademais da programación de actividades que se van desenvolver no municipio desde o 23 ata o 25 deste mes polo Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller baixo o lema Foz tece futuro, tece igualdade.

A concelleira de Muller e Igualdade, Ana Rojo, explica que “o cartel oficial do 25N nace nun centro de ensino, está ilustrado por tres protagonistas, tres alumnas do colexio O Pilar de Foz. É unha obra chea de simbolismo que lanza unha mensaxe directa a mocidade da nosa vila, converténdose nunha ollada crítica e esperanzadora dos rapaces e rapazas e na imaxe oficial da campaña municipal. A ilustración seleccionada forma parte da colección de traballos recollidos como parte dos obradoiros sobre a igualdade do alumnado dos centros educativos, dentro dunha iniciativa municipal que dá voz a alumnado, poñendo en valor estas creacións en datas sinaladas como o 8M ou o 25N. Con este traballo simbolizan o equilibrio de dereitos entre mulleres e homes, onde se reflicte con enorme sensibilidade a necesidade de acadar unha igualdade real. Complétase cunha mensaxe manuscrita polas propias autoras: Loitemos pola igualdade no mundo. Para que a miña filla poida vivir nun mundo cheo de igualdade cos mesmos dereitos e oportunidades que os homes”.

Ana Rojo engade: “sentimos que estaríamos en débeda co alumnado dos distintos centros educativos se non déramos vida a estas ilustracións creadas dende a reivindicación, con perspectiva de xénero. Buscamos que sexan os propios rapaces e rapazas quen poñan rostro e mensaxe ás campañas institucionais e nos lembren a importancia da igualdade e do respecto; ten un gran valor educativo e emocional, na prevención da violencia de xénero dende idades temperás”.  

Rojo indica tamén que “construír un Foz libre de violencias machistas é unha tarefa na que debemos implicarnos todos xuntos, como xesto simbólico de apoio ás vítimas e de rexeitamento firme ás violencias machistas. O programa deseñado dende a Concellería de Igualdade abarca varios ámbitos: O luns 23 a fachada da Casa Consistorial vestirase coa iluminación violeta e a colocación dun lazo da mesma cor, que estará durante toda a semana, como mostra visible de apoio ás vítimas e de repulsa fronte a violencia machista. O martes día 24 o alumnado de 1º da ESO do IES de Foz participará nun obradoiro titulado Hai saída grazas a ti, especifico para detectar condutas de control e fomentar relación baseadas no respecto e na igualdade, sobre a abordaxe da violencia de xénero con temáticas adaptadas á realidade dos adolescentes entre 12 e 13 anos. É unha iniciativa coa colaboración da Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia. Tamén o día 24, ás 18:00 horas, no salón de actos da Casa da Cultura de Foz haberá unha reflexión a través do humor, un espectáculo para rir, pensar e cuestionar aquilo que damos por sentado, algunhas actitudes machistas que están tan normalizadas que nin sequera somos capaces de recoñecelas. Con Caxoto descubriremos eses micromachismos agochados no noso día a día”.      

E a concelleira de Muller e Igualdade destaca que “o mércores, día 25N, ás 18:00 horas na Praza Conde Fontao terá lugar o acto central cunha concentración onde se procederá á lectura do manifesto institucional, seguido dun minuto de silencio en memoria das vítimas da violencia machista e vicaria, conmemorando o Día Internacional da Violencia de Xénero contra a Muller. Destacamos a importancia de trasladar este acto a un espazo aberto para visibilizar o rexeite unánime de toda a sociedade focega ante esta lacra social. Como coincide coas obras de mellora que se están levando a cabo diante da Casa Consistorial e co fin de garantir a seguridade e comodidade de todos, levamos a concentración polo 25N á praza Conde Fontao. En caso de choiva o acto trasladarase ó lateral do edificio de Servizos Sociais, debaixo do Bar Náutico, que está preto da mesma praza”.