O Concello de Cervo conmemora o 25N coa lectura de manifestos e actividades de sensibilización na Casa do Mar

O Concello de Cervo vén de presentar a programación institucional con motivo do 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, “unha data na que se fai un chamamento á unidade social e ao compromiso colectivo para erradicar esta lacra”.

A programación é froito da reunión mantida pola alcaldesa, Dolores García Caramés; a concelleira de Muller e Igualdade, Pilar Armada; a presidenta da asociación Mujeres en Igualdad de Cervo, Adelina Fernández; e a directora técnica xeral da asociación Saúde Mental A Mariña, María José Novoa; “entidades implicadas na organización e desenvolvemento das actividades, xunto coas ANPAS dos centros educativos que colaborarán na lectura dos manifestos”, anuncia o Concello de Cervo, que engade: “a xornada desenvolverase na Casa do Mar e dará comezo ás 17:00 horas con talleres infantís e actividades de manualidades dirixidas a nenos e nenas de entre 6 e 12 anos, con propostas relacionadas coa igualdade e a prevención da violencia de xénero, co obxectivo de achegar estes valores ás novas xeracións dunha maneira participativa e creativa”.

O acto central terá lugar ás 18:00 horas coa iniciativa simbólica Unha vela por ti, “un xesto de memoria, acompañamento e esperanza. A continuación, ás 18:30 horas, procederase á lectura de manifestos para visibilizar a violencia de xénero e reivindicar unha sociedade libre de violencia contra as mulleres. A recadación destinarase á vivenda tutelada para mulleres vítimas de violencia de xénero con enfermidade mental da Asociación Saúde Mental A Mariña. A programación completarase coa representación da obra Os soños de Adelina, a cargo do Grupo de Teatro A Mariña, unha proposta de sensibilización que busca achegar esta realidade á cidadanía a través da cultura e do teatro”.

A alcaldesa, Dolores García Caramés, destacou: “desde o Concello de Cervo reafirmamos o noso compromiso firme e decidido na loita contra a violencia de xénero, poñendo no centro ás vítimas e á prevención. O 25N é unha data para lembrar, visibilizar e avanzar xuntos cara a un futuro libre de violencia”.

O Concello de Cervo convida “a toda a veciñanza a participar nos actos programados e a sumarse a este compromiso colectivo, acompañando ás mulleres que sofren ou sufriron violencia e contribuíndo a construír unha sociedade máis xusta, igualitaria e libre de violencia”.