144 escolares de sete centros educativos participarán coa Banda O Landro nun concerto o 21 de novembro en Viveiro

O Teatro Pastor Díaz, de Viveiro, acollerá o sábado 21 de novembro o concerto titulado Os soños na gaiola, unha proposta musical colaborativa na que 144 nenas e nenos de sete centros educativos da contorna compartirán escenario coa Banda de Música O Landro. Anúnciao o Concello de Viveiro, que ademais explica: “o espectáculo, que forma parte da programación de Santa Icía, contará con dúas funcións, ás 18:30 e ás 20:30 horas, e constitúe a penúltima cita de Camiños Sonoros, a temporada 2026 da formación musical viveirense.

Os soños na gaiola pon música aos versos do escritor Manuel María a través das composicións de Antón Alcalde e Suso Vaamonde. A iniciativa é o resultado dun traballo desenvolvido nas aulas de música desde o inicio do curso, coa implicación do profesorado dos centros participantes e en coordinación coa Banda O Landro. Os sete centros educativos que forman parte deste proxecto son: o CEIP de Celeiro, o CEIP Plurilingüe Santa Rita de Galdo, o CEIP Francisco López Estrada, o CEIP Península da Paz, o CEIP Plurilingüe de Covas, o CEP Lois Tobío e o CPR Plurilingüe Landro.

O Concello de Viveiro indica tamén que “baixo o lema Aprender desfrutando, desfrutando aprender, a proposta busca achegar a poesía e a música galegas ao alumnado mediante unha experiencia artística compartida, na que as nenas e os nenos interpretarán as cancións acompañados pola banda”.

O director artístico da Banda O Landro, Carlos Timiraos, destaca “a importancia de que os escolares poidan vivir a experiencia de subir ao escenario e compartir coa formación musical o traballo realizado durante as últimas semanas”.

O concerto conta co apoio da Fundación Manuel María de Estudos Galegos e coa colaboración do Concello de Viveiro.

A entrada ás dúas funcións será gratuíta, pero será necesario retirala previamente ata completar o aforo do Teatro Pastor Díaz. Os centros educativos participantes encárganse de xestionar as entradas destinadas ás familias do alumnado.