
Este xoves, día 20 de agosto, tivo lugar a inauguración e pregón da Feira do Libro de Foz, a cargo da escritora Abril Camino (Rocío Otero). A Feira do Libro de Foz, que estará aberta ata o domingo 23, está organizada pola Federación de Libreiros de Galicia e conta cun apoio de 5.500 euros do Concello de Foz -ademais da instalación da carpa de actividades e da actuación musical do cuarteto Xijie-, da Xunta de Galicia -que financia con 165.000 euros as 13 feiras que se celebran na Comunidade Autónoma- e de Vicepresidencia da Deputación de Lugo -que aporta 6.000 euros para as feiras de Lugo, Viveiro, Foz e Monforte-.
O Concello de Foz mantén “unha decidida aposta pola lectura: creando a sala de estudo, potenciando a Biblioteca Municipal coa recente reforma e con múltiples actividades e apoiando dunha forma decidida unha Feira do Libro que acada a 41 edición e que é das máis lonxevas de Galicia”.
“Creo que é momento para recordar ao verdadeiro impulsor da Feira do Libro, a Suso do Bahía, e tamén para destacar a todos os que fan cultura no pobo e que están sempre dispoñibles para colaborar como o cuarteto Xijie, dirixido por Pablo Peláez que xunto a tres rapaces ben novos puxeron a nota musical á inauguración. Convido a todos, veciños e visitantes, que aproveiten estes días para pasear por Conde de Fontao, deixarse aconsellar polos libreiros e mergullarse na lectura”, indica a concelleira de Cultura, Inés López Couto.
O alcalde de Foz, Fran Cajoto, destacou á pregoeira deste ano, Abril Camino: “felicitei á presidenta da Federación pola elección como pregoeira de Abril Camino. Non é só unha escritora consagrada, gañadora do premio Xerais en 2025, senón tamén unha focega orgullosa que presume da nosa vila, na que ambienta as súas creacións literarias. Convido a todas e todos a que desfruten das actividades e presentacións programadas na carpa e a que se paren nas casetas das librarías, con tempo, para falar con autores e libreiros e mercar aquel título que máis lles apeteza: ler sempre é a mellor opción”.


