88 equipos de 8 países daranse cita os días 23 e 24 de maio no XX Torneo Internacional Vila de Ribadeo de Fútbol Veteranos

Oitenta e oito equipos de 8 países daranse cita os días 23 e 24 de maio no XX Torneo Internacional Vila de Ribadeo de Fútbol Veteranos.

Son 66 equipos con xogadores de máis de 35 anos e 22 equipos con máis de 45 anos. Seis clubs proceden de Portugal (un deles das illas Azores), 2 son franceses (un deles de Mayote, illa situada no Índico), tamén estarán en Ribadeo equipos chegados de Polonia, Irlanda, Arxentina, Brasil e México, así como de 21 provincias españolas.

O torneo, que mobiliza a preto de dúas mil persoas, disputarase en once campos de fútbol de Galicia e Asturias: en Ribadeo, San Miguel, San Cosme, Foz, Lourenzá, Mondoñedo, Vegadeo, Tapia, Coaña, Navia e Luarca.

O concelleiro de Deportes, Francisco José Silvent, declarou: “por parte do Concello apoiamos en todo o que podemos este importante evento deportivo e agradecemos moito o esforzo que fai a Asociación de Veteranos do Ribadeo FC. O Torneo encherá de xente a nosa vila esta fin de semana de maio así como outros concellos da zona porque van competir en diferentes instalacións de distintos municipios galegos e asturianos. Agardamos que lles guste moito Ribadeo e que se convertan nos mellores embaixadores posibles do noso concello”.

O xerente de Acisa, Jesús Pérez, comentou: “desde Acisa Ribadeo estamos encantados de colaborar, un ano máis, con este torneo internacional, que organiza a Asociación de Veteranos do Ribadeo FC. Agardamos que os equipos participantes e os seus acompañantes disfruten da súa estadía entre nós. É unha fin de semana moi importante pola dinamización económica que implica esta cita para os hoteis, bares e restaurantes e tamén o será para o comercio”.

Desde a asociación de veteranos do Ribadeo FC o seu presidente, Juan Rodríguez Peceux, subliñou que “desde a organización só nos queda agradecer a todos aqueles que fan posible que este torneo siga medrando e que ano tras ano poidamos encher Ribadeo e os municipios limítrofes. Quero desexarlles a todos os participantes que se divirtan e que aproveiten para coñecer moito a zona na que van estar”.

No acto de presentación do XX Torneo Internacional Vila de Ribadeo de Fútbol Veteranos participaron o alcalde, Dani Vega; o presidente da asociación de veteranos do Ribadeo FC, Juan Rodríguez Peceux; o concelleiro de Deportes, Francisco José Silvent; o técnico municipal de Deportes, Iván López; e o xerente de Acisa, Jesús Pérez.